Campaña 2012

Esta campaña xurde pola inquedanza de aportar unha idea creativa e poderosa á preocupante situación do incremento de casos de violencia xa nas xeracións máis novas e desde as relacións de parella.

Varios estudos recoñecen que en España o 6% das adolescentes experimentaron situacións de violencia nalgunha das súas relacións de parella e que un 12% recoñecen que experimentaron maltrato encuberto ou non recoñecido, e nos datos do Centro de Información á Muller do Concello de Pontevedra recolleuse un incremento de casos e consultas sobre situacións de violencia de xénero en idades comprendidas entre 16-25 anos nos últimos anos.

Con base nestes datos pensouse en propostas educativas que xerasen nas relacións de noivado de mozos e mozas do concello actitudes positivas cara á convivencia, o respecto aos dereitos da parella, o valor da diferenza, a tolerancia, a capacidade de diálogo e a escoita profunda, onde a opinión da outra persoa sexa valorada e por suposto, a liberdade.

Todo isto é fundamental para a prevención da violencia desde o noivado.

A violencia disfrazada de amor romántico é case invisible, e os signos de maltrato durante o noivado son descoñecidos para gran parte das mozas e mozos, que confunden con mostras de amor condutas controladoras sustentadas na desigualdade entre os sexos.

Quen vive unha relación violenta ten dificultades para darse conta e o noivado convértese nun tormento constante.

Nos seguintes enlaces aparecen os elementos audiovisuais que forman parte da campaña, así como a unidade didáctica elaborada para poder traballar estes contidos co alumnado da ESO.

Spot muller #tipodesparalo

Campaña CIM

COMPARTIR