Campaña 2013

A Concellaría de Igualdade realizou unha campaña centrada nos centros de ensino a través dunha obra de teatro do grupo Chevere, unha representación con sarcasmo, crítica e en primeira persoa das mensaxes que subxacen nas cancións. Neste caso será no tema de Police I´ll be watching you.

Segundo recolle a Compañía Chévere na súa propia web:

Trátase dun proxecto pedagóxico, lúdico e musical que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa. Proponse unha análise das cancións e produtos musicais que consumen os adolescentes dende unha perspectiva de xénero, a través de actividades creativas, participativas e divertidas.Trabállase a partir dunha escolma de cancións populares que falan das relacións de parella, do home e/ou da muller ideal, ou do ideal de home e muller, do namoramento, da paixón, dos ideais románticos, dos ciumes, da posesión, da dependencia, etc. Trátase de cancións que expresan a historia emocional de toda unha xeración, que evocan os inicios no mundo das relacións amorosas, que educan o comportamento afectivo futuro, e que moitas veces están transmitindo valores que fomentan as desigualdades entre homes e mulleres, que perpetúan prexuízos sobre os hábitos sexuais ou favorecen falsos ideais románticos. A través das actividades propostas trátase de que a mocidade participante acade un maior espírito crítico e sexa consciente da necesidade de actuar para previr situacións que poden desembocar na violencia de xénero”.

Será o día 25 ás 12.00 horas no Pazo da Cultura para alumnado de 3º e 4º da ESO. E logo traballarase nas aulas con obradoiros específicos.

Actuación de Chévere. Foto Chévere. Actuación de Chévere. Foto Chévere.

Ademais, a Concellaría fará un acto público o propio día 25 de novembro ás 18.30 horas na praza chamada 8 de marzo. Será un espectáculo que recreará, a través da música, o ciclo da violencia. Haberá proxeccións con mensaxes que nos porán en alerta. Tamén se lerá un manifesto.

Carteis da campaña