Campaña 2014

Manifesto do 25 de novembro

A UE denuncia que sesenta e dous millóns de mulleres fomos vítimas de violencia de xénero o ano pasado, o que supón unha de cada tres. Nove millóns de violacións e miles de mortes, das que non sabemos o número exacto xa que só 17 países en Europa e 23 en todo o mundo teñen a ben contalas.

A amplitude inaceptable do problema que sufrimos as mulleres tanto nos espazos públicos como nos privados ten a súa máxima expresión nas mortes que cada ano desangran á sociedade, ante a resignación e a sensación de derrota de todas e todas nós. Mª Xosé Suárez, María Luisa Jiménez, Belen Expósito, Elena Rodríguez, Sara Pereira, Mónica Lorenzo foron as asasinadas este ano por ser mulleres, sen máis delito que ese, pero sabemos que non vai acabar aquí.

O fenómeno dáse todos os días en todas as partes e a todas as mulleres, sen distinción de raza, relixión, nível educativo , profisión…só polo mero feito de ser mulleres. É alarmante o aumento dos casos de violencia, acoso e ciberacoso entre os mozos e as mozas, o que advirte dun futuro peor para as mulleres e en definitiva para toda a sociedade.

Pero un dos datos máis preocupantes é que o 13% das mulleres asasinadas este ano, denunciaron e morreron igualmente. A violencia de xénero é un claro exemplo que as leis en sí mesmas non serven para moito. Precisamos un fondo compromiso político para crear equipos especializados, ben formados e ben dotados na sanidade, no ensino, nos xulgados, nos profesionais do dereito, nas policías e en todos os axentes que interveñan na prevención da violencia e loita contra a violencia de xénero. O exemplo témolo aquí en Pontevedra, que segundo información da propria Policía Nacional, somos a única cidade galega que non dispón do Servizo de Atención Familiar, encargado de xestionar as denuncias de violencia de xénero separadamente do resto das actuacións policiais. Neste momento cando unha muller se achega á comisaría a cursar unha denuncia é atendida por orde de chegada e pode que ocupando o mesmo espazo físico que o agresor. É urxente e imprescindible a creación deste servizo para facilitar o duro trámite da denuncia e non poñer máis atrancos no camiño que percorren as vítimas.

Por iso urxe a creación do Servizo de Atención Familiar na Comisaría de Policía de Pontevedra para garantir unha xestión específica e diferenciada das denuncias das mulleres vítimas de violencia de xénero.

O Concello comprométese a través do seu PLAN DE IGUALDADE, aprobado hoxe pola Xunta de Goberno Local a traballar no acceso a información e aos recursos das mulleres, da promoción da igualdade entre homes e mulleres e a abordaxe integral da violencia de xénero.

Carteis da campaña

COMPARTIR