Campaña 2018

Este 2018 o Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero (25 de Novembro) adicará unha especial atención ás fillas e fillos das vítimas de malos tratos e a súa obrigada relación co pai maltratador.

Esta campaña terá os seguintes fitos:

  • Estrea de “Invisibles”. Teatro Principal. 15 de Novembro, ás 21.00 horas (entradas a venda en ticketea.com
  • Exposición fotográfica das obras do Obradoiro de fotografía e autoimaxe “Namórate de ti”. Casa da Luz. Do 13 ao 25 de Novembro
  • Inicio da campaña de cartelería do 25-N. Desgregue dunha gran pancarta no balcón da Casa Consistorial. Día 19 de Novembro
  • Presentación do Informe #PrimAcoso, coordinado pola profesora María Lameiras e baseado nas testemuñas recollidas en twitter con este hagstag no ano 2016. Última semana de Novembro

Tres piares sustentan a : Redrum Teatro Compañía, o Centro Dramático Galego (CDG) e o Concello e por iso a concelleira Carme Fouces presentou o avance da campaña do 25-N acompañada por Marián Bañobre, Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo (directora da obra, actriz e produtor) e Fefa Noia, directora do CDG. Todos chegaban dun ensaio xeral ao que asistiran algunhas das protagonistas do libro de Montse Fajardo.

Tres actrices -Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez-, de tres xeracións diferentes porán voz as sete testemuñas recollidas no libro “Invisibles” de Montse Fajardo. “Son tres rangos de idade que amosan que non hai perfil de vítimas, todas podemos ser vítimas e todas podemos ser heroínas” explica Sheyla Fariña.

A directora Marián Bañobre explicou o seu interese en que a representación recollera a esencia do libro e por iso intégranse na súa montaxe os sete relatos. “Dende o concreto fálase do universal” sinala Bañobre quen agarda que a obra serva para dar visibilidade as vítimas da violencia, para dar voz a tantas mulleres que foron e son vítimas e tamén son quen de poñerse en pé e recuperar a súa vida. Na obra hai traxedia e drama “pero nela cabe a ironía e o humor”, indicou a directora.

Pola súa banda Carme Fouces sinalou un aspecto que engade un plus especial a estrea de “Invisibles”, o feito de que as protagonistas do libro estarán sentadas no público.

Exposición fotográfica das obras do Obradoiro “Namórate de ti”.

A actividade fíxose en colaboración coa Escola de Igualdade para á Mocidade a proposta do CIM, indicou Fouces. Foi un obradoiro de autoestima e empoderamento a través da fotografía no que as asistentes traballaron contidos como a autoestima, a autoxestión do estrés, o autocoidado, a expresión a través da arte corporal, escrita, verbal…, a autoaceptación. As imaxes son resultado deste traballo e exhibiranse acompañadas dun texto explicativo de cada autora.

Despregue da campaña de cartelería.

A cartelería vai a inundar a cidade con bandeirolas, unha gran pancarta pendurada no balcón do Concello, mupis… Trátase dunha campaña centrada, neste ano, “en infundir medo e soidade” xa que “temos que solidarizarnos, temos que ser capaces de sentir até físicamente que están sentindo moitos menores que teñen que ir, e as nais que teñen que deixar as súas crianzas, con eses homes maltratadores, aos que se lles mantén o dereito de ser pais” segundo explicou a concelleira de Igualdade, Carme Fouces .

“Cando se está facendo a eses nenos e nenas compartir a súa vida, aínda que sexan horas, cunha persoa violenta que maltrata a súa nai, independentemente do trato que ese señor teña con eles -que pode ser paternal e bo- poucos valores importantes lle pode transmitir a esas crianzas” sinalou Fouces para de seguido engadir “a avogamos abertamente pola prohibición expresa do contacto entre un maltratador e os seus fillos e fillas”

Informe #PrimAcoso, relatos das primeiras experiencias da violencia nas vidas das mulleres.

Hai dous anos o Concello desenvolveu a campaña #PrimAcoso, unha campaña moi potente na que as mulleres denunciaron a través de twitter a súa primeira experiencia de acoso ou violencia sexual. Recolléronse máis de 3.000 tuits e 1.000 mensaxes en facebook, material que é a base do estudo coordinado pola profesora María Lameiras que será presentado antes de que acabe o mes.

COMPARTIR