Inicio Actividades As mulleres que opinan son perigosas – 2020

As mulleres que opinan son perigosas – 2020

Directo do 26 de xuño

Directo do 27 de xuño

As Mulleres que opinan 2020 - cabeceira 694x414

Lugar: Este ano 2020, será online
Data: tarde do venres 26 de xuño e a mañá do sábado 27

Se o xornalismo é un sector dirixido maioritariamente por homes o da opinión é un xénero no que as mulleres levan anos a pelexar para atopar o seu espazo nos faladoiros de radio e de televisión, nos novos medios dixitais e nas páxinas dos xornais, onde as sinaturas son na súa maioría masculinas. A pesar desa realidade, hai mulleres columnistas, que escriben, que opinan, que abren blogs para tomar postura sobre a actualidade e a realidade na que viven; hai mulleres que dirixen medios e hai mulleres que introducen na axenda mediática temas e voces silenciadas durante anos.

O xornalismo non foi alleo á crise do coronavirus e, co confinamento, as tarefas domésticas e os coidados volveron evidenciar as desigualdades existentes e a dobre tarefa das mulleres xornalistas que agora traballan desde o fogar. Segundo un estudo da Federación Internacional de Xornalistas (IFJ Global), máis da metade da profesión xornalística en todo o mundo recoñece que sufriu estrés e ansiedade pola crise da COVID-19, un problema que recae especialmente nas mulleres: o 63 % das xornalistas fronte ao 55 % dos homes. Ademais, coa crise sanitaria a loita feminista pasou a un segundo plano na axenda social e mediática.

Por todo iso, a crise do coronavirus e as súas consecuencias na profesión serán o marco no que as convidadas reflexionarán durante a tarde do venres 26 de xuño e a mañá do sábado 27. Por terceiro ano consecutivo, deseñamos desde Pontevedra un foro que reúne esas mulleres de diferentes xeracións e perfís, todas elas profesionais do xornalismo e da escritura.

A deste 2020 é unha edición especial e diferente que se desenvolverá a través de internet, á espera de volver reunirnos fisicamente en 2021.

REDES SOCIAIS

6,205FansGóstame
907SeguidoresSeguir
413SuscritoresSuscríbete

MÁIS INFORMACIÓN e INSCRIPCIÓNS

 Inscríbete para poder participar no encontro a través de ZOOM

CARTEL

VENRES 26 DE XUÑO

17:00 h Inauguración
Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, con Diana López e Susana Pedreira

17:15 h Xornalistas galegas. “As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións”
Claudia Morán e Tamara Montero. Xornalistas

18:00 h Clara Jiménez Cruz. “Maldita.es: periodismo para que no te la cuelen”
Xornalista. Cofundadora de Maldita.es. Colaboradora en Onda Cero, RNE, Telemadrid, Cuatro e TVE

18:45 h Magda Bandera. “Medios cooperativos con agenda propia y perspectiva de género. Proyectos colectivos”
Xornalista. Directora de La Marea

SÁBADO 27 DE XUÑO

11:30 h Noemí López Trujillo. “Reporterismo feminista. La elección de los temas y las voces protagonistas”
Xornalista. Reportaxes en Newtral.es

12:15 h Ángeles Caballero. “Actualidad política. Humor y color en la crónica”
Xornalista. Opinión en El Confidencial, Onda Cero, La Sexta y Canal 24 Horas

13:00 h Sara Vila e Selina Otero. “A crise da COVID desde unha perspectiva local. A educación que vén”
Xornalistas. Diario de Pontevedra e Faro de Vigo

13:45 h Despedida

Ángeles Caballero

Ángeles Caballero (Madrid).

Xornalista que se serve do humor para tentar ver as cousas doutra maneira: con lixeireza, que non frivolidade, aínda que a reivindico. Parín dous nenos e tres medios, —¡Qué!, elEconomista e Ctxt—, pero só o primeiro o fixen soa. Tamén traballei en ABC e Actualidad Económica e, polo camiño, gañei un par de premios: un por escribir sobre Rodrigo Rato, o que me permitiu pasar pola Universidade de Columbia (xúrolles que era Manhattan, non Aravaca); o outro baixo a tapa dun iogur de amorodo. Unha vez dixen que quería ser a Lina Morgan do século XXI. Estou niso, pero non me pagan tanto como para comprar un teatro na Latina.

Actualmente escribo, opino e fago o que podo en El Confidencial, Onda Cero, La Sexta e Canal 24 Horas.

Twitter: @macaballeroma

Clara Jiménez Cruz

Clara Jiménez Cruz (1989).

Xornalista licenciada en Comunicación Audiovisual e cofundadora de Maldita.es.

Tras cinco anos de experiencia profesional en La Sexta, primeiro nos servizos informativos e despois en diferentes programas da cadea, formou parte do equipo de El objetivo de Ana Pastor ata 2018. Actualmente colabora con Onda Cero, RNE, Telemadrid, Cuatro e TVE.

É a única española do Grupo de Expertos de Alto Nivel sobre Noticias Falsas e Desinformación designado pola Comisión Europea, ademais de membro europeo do Consello Asesor do International Fact-Checking Network.

Recibiu, xunto con Julio Montes, o Premio de Xornalismo José Manuel Porquet en 2015 polo seu labor en Maldita.es e os seus proxectos foron preseleccionados para os premios European Press Prize en dúas convocatorias consecutivas. En 2019 foi seleccionada como emprendedora social Ashoka Fellow.

Twitter: @cjimenezcruz

Cláudia Morán

Cláudia Morán (A Coruña, 1990).

Xornalista. Graduada en Xornalismo pola Universidade Ramon Llull, cun máster en Xornalismo Internacional pola Universidade Pompeu Fabra.

É unha das socias fundadoras do colectivo Xornalistas Galegas. Actualmente colabora na revista Luzes, onde é autora do blog “Teito de cristal”, e escribe unha columna semanal de opinión no xornal Nós Diario.

Anteriormente traballou como xornalista en La Voz de Galicia, en Radio Coruña-Cadena SER e na delegación da Axencia EFE en Bruxelas.

Twitter: @claudiamoran90

Diana López Varela

Diana López Varela (Pontevedra, 1986).

Xornalista e guionista. Traballou en prensa escrita, radio, televisión e gabinetes de comunicación. Actualmente compaxina o seu traballo de guionista de televisión con colaboracións como columnista en Público.es e outros medios.

Coguionizou os documentais Explosión de series (Canal Plus) e 25 anos de cinema galego (TVG); as películas Mañana no te olvides, Memorias de un hombre en pijama (nomeada nos Goya 2019 como mellor película de animación) e O home e o can (en produción); o espectáculo teatral One night only (dirixido por Carlos Vermut); a webserie Clases de lo social; e a curtametraxe musical Superpunky.

Escribiu e dirixiu a obra de teatro No es país para coños e a curtametraxe Feminazi, gañadora do premio do público no Ourense Film Festival 2018.

Escribiu os libros No es país para coños (Editorial Península, 2016), que xa vai pola súa 6.ª edición, e Maternofobia (Península, 2019).

Twitter: @dianalovar

Magda Bandera

Magda Bandera (Barcelona, 1970).

Xornalista e escritora. Coordinadora editorial de lamarea.com desde a súa fundación en 2012 e directora desde 2015.

Analista en Catalunya Ràdio e Carne Cruda Radio. Mención especial do Premio Solidaritat do Institut de Drets Humans de Catalunya 2010.

Premio Boas Prácticas en Comunicación non Sexista 2019 da Associació de Dones Periodistes de Catalunya (ADPC) por analizar e informar das consecuencias da violencia machista.

Foto: Carles Castro

Twitter: @magdabandera

Noemí López Trujillo

Noemí López Trujillo (Bilbao, 1988).

Reporteira feminista. Pasou polas redaccións de varios medios como ABC, 20minutos e El Español, e colaborou de maneira habitual en eldiario.es, La Marea e El País.

En decembro de 2017 publicou en Podium Podcast (Radio Prisa) Lo conocí en un Corpus, un documental sonoro que investiga o asasinato de Ana Orantes vinte anos despois do crime machista.

Obtivo o Premio de Periodismo Xove sobre Violencia de Xénero 2017 que outorga o Instituto da Xuventude de España (Injuve).

Actualmente escribe reportaxes de temática social, sempre desde unha perspectiva de xénero, en Newtral.es. É autora do ensaio El vientre vacío (Capitán Swing, 2019) sobre como a precariedade imposibilita a maternidade.

Foto: Javier Nadales

Twitter: @nlopeztrujillo

Sara Vila

Sara Vila Alonso

Son Sara Vila Alonso, nacín nas Neves en 1989 e escribo información local no Diario de Pontevedra desde 2011.
Como sempre me gustou escoitar e contar historias, licencieime en Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Durante a miña formación como xornalista, realicei prácticas na delegación de Vigo de La Voz de Galicia, na de Santiago de Compostela de El País e na redacción comarcal de Faro de Vigo para O Condado.
O que máis me gusta do meu traballo é coñecer moitas persoas diferentes que me dan infinitas perspectivas para comprender o mundo no que vivimos sen saír da cidade na que habito. Ademais, o xornalismo permitiume coñecer outras realidades cunha viaxe a zonas rurais e industriais de Marrocos coa Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), onde descubrín as historias das mulleres que traballan na Zona Franca de Tánxer en fábricas que cosen para xigantes da industria téxtil.
Por outra banda, en 2016 gañei o primeiro premio do Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, do Concello de Redondela, e en 2019 acadei o segundo premio Comunicar en Igualdade, que convoca a Xunta de Galicia, por un artigo de opinión publicado no Diario de Pontevedra.
Foto: Rafa Fariña
Twitter: @vila_sara

Selina Otero

Selina Otero Verdes
Selina Otero Verdes

Selina Otero Verdes

Selina Otero Verdes (Malpica, A Coruña, 1978). Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela (1996-2000), con posgrao MBA en Comunicación Empresarial.

Combinou na súa vida laboral a prensa escrita con etapas en gabinetes de comunicación institucionais.

Actualmente traballa como xornalista en Faro de Vigo. Especializada en temas de Educación e Innovación, responsable do suplemento quincenal Faro da Educación no diario decano.

Autora do libro Unha educación de premio (Editorial Galaxia), con experiencias innovadoras en colexios e institutos galegos.

Twitter: @SelinaOtero

Susana Pedreira

Susana Pedreira (Vitoria – Gasteiz, 1983). Xornalista. Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). 

Comezou traballando en comunicación empresarial e institucional. No ano 2010 incorpórase é redacción de Onda Cero en Galicia.

Dirixe e presenta o programa local diario “Pontevedra na Onda” desde hai oito anos. En setembro de 2015 asume a coordinación do programa “Gente Viajera de Galicia”, magazine semanal centrado no turismo, ocio, cultura e gastronomía. Ademais, desde 2016 forma parte da programación nacional de Onda Cero co programa “Un alto en el camino”, catro horas de directo nas mañás da fin de semana que cada verán se emite desde Pontevedra para todo o Estado.

É co-fundadora do congreso “As mulleres que opinan son perigosas”. En marzo de 2018 celebrouse a primeira edición no Teatro Principal, convertendo a Pontevedra durante dous días na capital do xornalismo de opinión con sinatura de muller. O foro conseguíu ser Trending Topic nacional nas redes. 

Web: www.ondacero.es/programas/un-alto-en-camino/

Twitter: @SuPedre

Tamara Montero

Tamara Montero (Santiago de Compostela, 1985).

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Escribe en La Voz de Galicia desde 2008 sobre temas de sociedade e cultura.

Foi gañadora do XIII Premio Fernández del Riego de Xornalismo de Opinión e en 2020 recibiu unha mención especial no Premio Pérez Lugín da Asociación da Prensa da Coruña.

Twitter: @tamaricah

Xornalistas Galegas

Xornalistas Galegas é un colectivo de mulleres profesionais das ciencias da comunicación que desenvolven a súa actividade en Galicia na defensa dun xornalismo con perspectiva feminista.

Fundado en 2018, ten entre os seus obxectivos visibilizar as mulleres e desestigmatizar a súa presenza nos medios de comunicación, instaurar o tratamento especializado da violencia de xénero nos contidos dos medios e controlar o cumprimento real das medidas de conciliación familiar e laboral nas empresas de comunicación.

En 2019, o colectivo gañou o premio Comunicar en Igualdade, que outorga a Xunta de Galicia, pola reportaxe As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións.

Twitter: @asxornalistas