Inicio Actividades As mulleres que opinan son perigosas – 2021

As mulleres que opinan son perigosas – 2021

As Mulleres que opinan - cabeceira

Lugar: Este ano 2021, será online
Data: Venres 5 e sábado 6 de marzo

O xornalismo é un sector dirixido maioritariamente por homes, e o da opinión é un xénero no que as mulleres levan anos pelexando para ocupar o seu espazo nos faladoiros de radio e televisión, nos novos medios dixitais e nas páxinas dos xornais, onde que as sinaturas son maioritariamente masculinas. A pesar desa realidade, hai mulleres columnistas, que escriben, que opinan, que abren blogs para posicionarse sobre a actualidade e a realidade na que viven, hai mulleres que dirixen medios e hai mulleres que introducen na axenda mediática temas e voces silenciadas durante anos.

O xornalismo non é alleo á crise do coronavirus e, co confinamento e as restricións, as tarefas do fogar e os coidados volveron evidenciar as desigualdades existentes e a dobre tarefa das mulleres xornalistas agora traballando dese o fogar. Según un estudio da Federación Internacional de Xornalistas (IFJ Global), máis da metade da profesión xornalística en todo o mundo recoñece ter sufrido estrés e ansiedade pola crise da Covid-19, un problema que recae especialmente nas mulleres: o 63% das xornalistas fronte ao 55% dos homes. Ademais, coa crise sanitaria a loita feminista pasou a un segundo plano na axenda social e mediática.

A crise do coronavirus e as súas consecuencias na profesión será o marco no que as convidadas reflexionarán nesta nova edición en liña. Ademais, despois dun ano tan complicado marcado pola pandemia, reivindicaremos a información, a divulgación científica e a opinión como fundamentais para entender o momento histórico que nos toca vivir.

As mulleres xornalistas tomarán a palabra na primeira fin de semana de marzo para ser antesala dun 8M que tampouco este ano vai poder ocupar as rúas e prazas con manifestacións feministas. A falta de manifestacións multitudinarias, alzaremos a voz na rede.

A deste 2021 volve ser unha edición especial e diferente que se desenvolverá a través de Internet á espera de volver reunirnos físicamente en 2022.

SESIÓN DO VENRES 5

SESIÓN DO SÁBADO 6 - mañá

SESIÓN DO SÁBADO 6 - tarde

REDES SOCIAIS

6,205FansGóstame
907SeguidoresSeguir
413SuscritoresSuscríbete

MÁIS INFORMACIÓN e INSCRIPCIÓNS

 Inscríbete para poder participar no encontro a través de ZOOM

CARTEL

As Mulleres que opinan - CARTEL 2021

VENRES 5 DE MARZO

16:45 h Inauguración e benvida
Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, xunto con Diana López e Susana Pedreira

17:00 h Mar Cabra
“Do Pulitzer polos papeis de Panamá ao tecnoestrés xornalístico”
Xornalista de investigación. Premio Pulitzer 2017 polos papeis de Panamá

17:30 h M.ª Jesús Espinosa de los Monteros
“O podcast, unha nova forma de contar historias”
Xornalista, directora de Podium Podcast e Podium Studios. Opinión en El País e The Objective. Tres Premios Ondas en 2012, 2016 e 2021.

18:00 h Belén López e Montse Fajardo
“Cultura e memoria na prensa local”
Belén López é xornalista no Diario de Pontevedra
Montse Fajardo forma parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres

18:45 h Susana Vera
“Nas trincheiras do fotoxornalismo. A linguaxe propia da imaxe”
Fotoxornalista na axencia Reuters. Primeira española en gañar un Premio Pulitzer de Fotografía (2020)

19:15 h Esther Palomera
“Opinión en zona crítica”
Xornalista, cronista política e analista de actualidade en prensa, radio e televisión. Adxunta ao director de Eldiario.es

19:45 h Peche

SÁBADO 6 DE MARZO

11:30 h Pilar Álvarez
“Novas responsabilidades con perspectiva de xénero”
Xornalista, correspondente de xénero en El País

12:00 h Pampa García Molina
“A ciencia é noticia”
Xornalista especializada en ciencia, redactora xefa da axencia SINC

12:30 h María Obelleiro, María Yáñez e Silvia Carregal
“As mulleres dirixen os novos medios galegos”
Xornalistas, directoras de Nós Diario, Vinte e As Nosas, respectivamente

13:15 h Pausa

17:00 h Ebbaba Hameida
“Voces desterradas. Mulleres en países musulmáns”
Xornalista e vogal de Reporteros Sin Fronteras España

17:30 h Lara Graña e Mercedes Mora
“Elas dirixen a información económica”
Xornalistas, xefas da sección de Economía en Faro de Vigo e La Voz de Galicia

18:15 h Henar Álvarez
“A opinión necesita comedia: un pouco de buenismo bien e algo de mala leche”
Cómica, guionista e presentadora de radio e televisión

18:45 h Almudena Ariza
“O mundo en plano curto. A experiencia dunha correspondente”
Correspondente de TVE en París, antes en Pequín e Nova York. Leva máis de vinte anos como reporteira en medio mundo

19:15 h Peche

Almudena Ariza Núñez

Almudena Ariza - Mulleres que opinan 2021

Almudena Ariza Núñez (Madrid, 1963).

Reporteira española, actualmente correspondente de TVE en París.

Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e graduada polo Conservatorio de Música de Madrid en Guitarra Clásica, iniciouse profesionalmente na radio, na Cadena SER, con tan só dezasete anos. Presentou e dirixiu algúns dos informativos de maior audiencia, como Matinal SER e Hora 14.

Foi correspondente en Nova York durante sete anos, tras permanecer outros tres en Pequín como correspondente para Asia-Pacífico e logo dunha longa experiencia como enviada especial para decenas de coberturas informativas nos cinco continentes.

En 1989 ingresou en TVE e tan só un ano despois debutou ante a cámara. Foi presentadora dos principais telexornais, o TD1, o TD2 e, anos máis tarde, o Telediario de fin de semana, que foron todos líderes de audiencia durante ese período. Presentou o veterano espazo de reportaxes Informe semanal e comezou a especializarse como reporteira.

Nos últimos anos cubriu moitos dos grandes acontecementos informativos: o ataque terrorista ás Torres Xemelgas de Nova York ou as guerras en Afganistán e Iraq. Viaxou por Asia e África realizando crónicas informativas sobre os efectos da sida, das guerras, das fames… Durante varios anos formou parte do equipo de reporteiras e reporteiros de TVE, especializado en facer reportaxes de investigación nos telexornais desta cadea.

Recibiu diversos premios e galardóns, entre eles, o Premio Antena de Ouro 2010, Premio pola cobertura en Afganistán do Ministerio do Interior 2009, Premio do Club Internacional de Prensa ao Mellor Correspondente 2011, Premio ao Mellor Reporteiro do Ano da Academia de Televisión 2011, Premio Nacional de Xornalismo Pedro Antonio de Alarcón ou o Premio Internacional de Xornalismo Manuel Alcántara.

É a creadora dun novo podcast titulado Plano Corto, que, con apenas dous meses de vida, se atopa entre os máis escoitados de España.

Twitter: @almuariza
Podcast: planocortopodcast.es

Belén López Rodríguez

Belen Lopez - Mulleres que opinan 2021

Belén López Rodríguez (Recemunde, A Pobra do Brollón, Lugo, 1978).

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela en 2000. Ese mesmo ano comezou a traballar no Diario de Pontevedra, onde leva exercendo como redactora de cultura e sociedade desde entón.

Actualmente forma parte da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia.

Twitter: @belopecera

Diana López Varela

Diana Lopez - Mulleres que opinan 2021

Diana López Varela (Pontevedra, 1986).

Xornalista e guionista.

Escribiu e coescribiu diferentes proxectos para cinema, televisión e tamén teatro, entre os que destaca a súa primeira obra, No es país para coños, de 2015. En 2018 estreou a súa primeira curtametraxe como directora, Feminazi, unha parodia sobre o machismo. Colaborou para medios coma Jot Down, Diario de Pontevedra, El Nacional.cat, La Voz de Galicia, Radio Galega e Onda Cero. É correspondente no congreso de mulleres As Mulleres que Opinan Son Perigosas.

En 2016 publicou o seu primeiro libro, No es país para coños, e en 2019, Maternofobia, retrato de una generación enfrentada a la maternidad. En 2021 participa na antoloxía Voces que cuentan, unha novela gráfica realizada por diversas autoras y editada por Planeta Cómic.

Ebbaba Hameida

EBBABA HAMEIDA - Mulleres que opinan 2021

Ebbaba Hameida

Xornalista e vogal de Reporteros Sin Fronteras España.

Ebbaba naceu nos campamentos de persoas saharauís refuxiadas en Alxeria e pasou a súa vida entre Italia e España.

Actualmente traballa na Área Dixital de RTVE.es. Colaborou con Revista 5W, Planeta Futuro (El País) e Frontera D, entre outros medios. Apaixónalle a radio e traballou en RNE e en Radio Caracol de Radio Prisa Internacional. Tamén colaborou no programa Cámara abierta de TVE.

Nos últimos cinco anos dedicouse a descubrir e a contar as historias invisibles da realidade que nos rodea. Implicación, emoción e empatía son as súas ferramentas para seguir desenvolvendo esta profesión.

Compaxina a súa actividade profesional cun doutoramento en Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid sobre a situación das mulleres en países de maioría musulmá.

Twitter: @Ebbaba_H
Web: www.ebbabahameida.net

Esther Palomera

Esther Palomera - Mulleres que opinan 2021

Esther Palomera

Cronista política e analista de actualidade, Esther Palomera é adxunta ao director de Eldiario.es

Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, deu os seus primeiros pasos profesionais no diario ABC a principios da década dos noventa; concretamente na sección de Política Local de Madrid. Neste medio chegou a coordinar a sección de Sanidade.

En 1998 formou parte do equipo fundacional do xornal La Razón, onde desempeñou o cargo de cronista parlamentaria. En 2014 abandonou este medio para incorporarse á edición española de The Huffington Post, onde mantivo un blog de actualidade política.

Esther Palomera é, ademais, un rostro habitual nas mesas de análise política de televisión e radio. Entre outros espazos, participou en CNN; en Canal 24h; Los desayunos de TVE; en 59 segundos; en El debate de la 1; en Al rojo vivo, en La Sexta; en El gran debate e El programa de AR, en Telecinco; en Las mañanas de Cuatro; e no programa Hoy por hoy, da Cadena SER.

Twitter: @estherpalomera
Artigos en Eldiario.es: https://www.eldiario.es/autores/esther_palomera/

Henar Álvarez

Henar Alvarez - Mulleres que opinan 2021

Henar Álvarez (Madrid, 1984)

Cómica cun longo percorrido como guionista e presentadora de radio e televisión.

Dirixiu Tramas maestras, con Leticia Dolera, na Cadena Ser; escribiu crónicas feministas en El Confidencial; foi guionista de Hoy por hoy e colaboradora dos programas de televisión Likes e Las que faltaban, en Movistar+, e La primera pregunta, en TVE.

Acaba de publicar coa Editorial Planeta La mala leche, unha novela gráfica sobre os dramas da vida moderna na que se mesturan feminismo, maternidade e sexo en clave de humor irreverente.

Actualmente presenta na Cadena Ser Buenismo bien, xunto a Quique Peinado e Manuel Burque. Tamén é posible escoitala na mesa de cómicos con Javier del Pino en A vivir que son dos días, na Cadena Ser, e na sección “Poca broma” do programa Tarde lo que tarde de RNE.

Twitter: @henarconh
Instagram: henarconh_

Lara Graña Prieto

Lara Graña

Lara Graña Prieto (Cangas, xuño de 1985)

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2004-2007) na especialidade de Xornalismo Audiovisual.

Iniciouse no xornalismo no verán de 2005, coas súas primeiras prácticas, na delegación do Morrazo de Faro de Vigo. Traballou tamén como bolseira nas redaccións de Radio Redondela, TVG e Cadena Ser. Tras un ano nun portal en liña en galego, Carrumeiro Media, en 2008 incorporouse ao proxecto de Xornal de Galicia.

Asumiu a responsabilidade da sección de Economía desde o primeiro momento, mentres compaxinaba o traballo na redacción con clases particulares para formarse en materias coma contabilidade ou tributos. En marzo de 2011 pasou a ser delegada en Vigo, cargo que ocuparía ata o peche de Xornal de Galicia en outubro dese mesmo ano.

En novembro de 2011 uniuse ao proxecto de Praza Pública, xornal que acaba de cumprir nove anos. Formou parte do equipo de fundación e lanzamento, tamén co foco no eido económico.

Unha chamada de Faro de Vigo fíxoa retornar ao papel, que tanto estrañaba. Incorporouse á sección de Economía, baixo a responsabilidade de Luis Piñero, na que cubriu a crise das preferentes, o pulo do ecosistema mar-industria e a crise de Pescanova S. A., que investigou ininterrompidamente ata que se ditou a sentenza o pasado outubro. Por este traballo recibiu o Premio á Mellor Finalista (ex aequo) dos galardóns internacionais La Buena Prensa. Como amante absoluta do mar, séntese especialmente feliz por recibir o Premio á Mellor Información Pesqueira de España (Cepesca).

Desde o verán de 2019 é xefa de Economía e Mar de Faro de Vigo, colaboradora da TVG e doutras publicacións impresas e dixitais.

Twitter: @lara_grana
LinkedIN: linkedin.com/in/laragrana/

María Jesús Espinosa de los Monteros

Maria Jesus Espinosa de los Monteros - Mulleres que opinan 2021

María Jesús Espinosa de los Monteros

Directora de Podium Podcast, a rede e produtora global de podcasts en Prisa Radio para España e América Latina.

É autora do blog Días de vino y podcasts no diario El País, un dos poucos espazos en español dedicado á industria do audio. Tamén escribe en Retina, a revista de innovación e transformación dixital de El País; ten unha columna de opinión quincenal en The Objective e unha serie de entrevistas culturais en Valencia Plaza.

En xuño de 2019 crea Podium Studios, a axencia de audio branding e branded podcast de Prisa Radio. As súas funcións están relacionadas coa creación de podcasts de marca e corporativos en estreita relación co departamento comercial, coas axencias creativas e coas marcas.

Foi presentadora e conferenciante en eventos como Branding Day (Cadena SER), Club de Creativos, Fundación Gabriel García Márquez, RadioDays Europe, Twitter Events ou TED en Español, entre outros.

Imparte clases, obradoiros e seminarios de innovación radiofónica, audioxornalismo e podcasting en distintas universidades coma a Universidade do Salvador (na Arxentina), Universidade Europea de Madrid, Universidade Internacional de Cataluña, Universidade CEU San Pablo de Madrid, Universidade Politécnica de Madrid, IEBS School, Universidade de Valencia e Cardenal Herrera-CEU Valencia, entre outras.

Conta con tres premios Ondas: á Innovación Radiofónica en 2012 por El Extrarradio, unha das primeiras radios baixo demanda da que foi cofundadora; en 2016 obtivo o Premio Ondas á Mellor Plataforma en Internet con Podium Podcast; e en 2020 o Premio Ondas Nacional de Publicidade en Radio na categoría de Premio Especial da Organización para Pienso, luego actúo, de Podium Podcast para Yoigo, o primeiro branded podcast premiado cun Ondas.

En 2019 foi elixida pola revista Forbes como unha das 100 mentes máis creativas dos negocios.

Twitter: @mjesusespinosa
Blog de El País: elpais.com/agr/dias_de_vino_y_podcasts/a
Web de Podium Podcast: www.podiumpodcast.com/

Mar Cabra

Mar Cabra - Mulleres que opinan 2021

Mar Cabra (Madrid, 1983)

Xornalista de investigación especializada na análise de datos.

É licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid e cun máster en Periodismo de Investigación pola Universidade de Columbia de Nova York. Desde 2004 traballou en diversos medios nacionais e internacionais e foi investigadora e xornalista local na BBC para temas sobre España. A partir de 2005 foi redactora, videoxornalista e produtora en medios coma CNN+, El Mundo e La Sexta.

É unha das impulsoras en España do xornalismo de datos; durante o ano 2012 dirixiu a Fundación Ciudadana Civio, unha organización sen ánimo de lucro que utiliza a tecnoloxía para apostar por unha maior transparencia e un acceso libre aos datos públicos.

Foi xefa de Datos e Tecnoloxía do Consorcio Internacional de Periodistas de Investigación. Formou parte do equipo de investigación dos papeis de Panamá, gañadora do Premio Pulitzer en 2017. Esa investigación fixo que dimitisen líderes mundiais, entre eles un ministro en España, e cambiou as percepcións e as leis sobre os paraísos fiscais.

Viuse atrapada polo “tecnoestrés”, a adicción á tecnoloxía e a hiperconectividade. Agora axuda a outras e outros xornalistas a superalo a través do proxecto The Self-Investigation: un curso en liña e gratuíto deseñado exclusivamente para xornalistas baseado en técnicas cientificamente probadas para xestionar o estrés e relacionarse coa tecnoloxía dunha forma máis saudable.

Ademais, preocupada polo poder dos algoritmos sobre as nosas decisións, participou na fundación do Observatorio do Impacto Social e Ético da Intelixencia Artificial, OdiseIA, no que exerce como directora de Comunidade e Alianzas Estratéxicas.

Twitter: @cabralens

María Obelleiro Hermida

Maria Obelleiro - Mulleres que opinan 2021

María Obelleiro Hermida (Arcade, Soutomaior, 1985)

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela.
Tamén se graduou en Educación Primaria e posúe o máster de Protocolo da Universidade de Barcelona e o máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas en la Universitat Nacional Valenciana.
Especialista en xornalismo de igualdade, é directora de Nós Diario desde a súa posta en marcha, en xaneiro de 2020. Previamente, en 2017, dirixiu o semanario en papel Sermos Galiza e a partir de febreiro de 2019 estivo á fronte da edición dixital Sermosgaliza.gal. Comezou a súa traxectoria como xornalista en A Nosa Terra e participou na redacción dos informes de literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Foi colaboradora de Correo Televisión, Radio Galega e Tribuna Catalana e, na actualidade, participa no medio en catalán VilaWeb e no éuscaro Berria.
Gañou o Premio de Xornalismo Johán Carballeira na edición de 2016-2017, cunha reportaxe titulada O aparheit sanitario na Galiza.

Twitter: @MObelleiro

María Yáñez

Maria Yañez - Mulleres que opinan 2021

María Yáñez

Xornalista e directora da revista Vinte.

Leva dúas décadas traballando como xornalista en medios dixitais, desenvolvendo contidos para internet, deseñando estratexias de comunicación no audiovisual e comisariando diversos proxectos de cultura dixital coma o festival Carballo Interplay ou o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) da Coruña.

Na actualidade dirixe Vinte, unha revista en liña de sociedade, cultura e tendencias vinculada ao xornal Praza.gal.

Ademais, é docente no máster en Social Media e Contidos Dixitais da Universidade de Vigo.

Twitter: @myanllo
Web da revista Vinte: vinte.praza.gal

Mercedes Mora

Mercedes Mora - Mulleres que opinan 2021

Mercedes Mora (Huelva, 1968)

Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid.

Iniciou a súa carreira profesional en 1991 en Efecom, a sección de Información Económica da Axencia EFE, onde se especializou en información bolsista. Tres anos despois incorporouse á sección de Finanzas de La Gaceta de los Negocios, adscrita tamén á área de información bolsista. En novembro de 1995 deu un gran salto e traballou como directora de comunicación de TelePizza tras a saída a bolsa da compañía. Un ano despois uniuse á sección de Finanzas de Expansión, tamén na área de información bolsista.

No ano 2000 trasladouse a Galicia e en marzo dese mesmo ano incorporouse á sección de Economía de La Voz de Galicia, da que é directora desde febreiro de 2019.

Montse Fajardo Pérez

Montse Fajardo - Mulleres que opinan 2021

Montse Fajardo Pérez (Vilagarcía de Arousa, 1973)

Licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e cun máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada ao xornalismo.

Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo e así mesmo é colaboradora habitual de faladoiros radiofónicos. Tamén realiza colaboracións puntuais para Nós Diario, A Nova Peneira e Público.

Na actualidade forma parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellería de Patrimonio do Concello de Pontevedra. No seu marco participou no libro Do gris ao violeta. Achega á historia das mulleres pontevedresas co texto “As que quedaron”, no que analiza a repercusión da represión franquista sobre as familias afectadas. Nesa liña imparte en centros educativos e asociacións culturais galegas a charla “A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36”.

En solitario é autora dos libros Matriarcas. Mulleres en pé de vida (2012), Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), Invisibles. Relatos do maltrato (2017), O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros (2018) e A vida incerta, biografía de Virxinia Pereira (setembro de 2020).

Ademais, foi a comisaria da exposición itinerante Rexas, mulleres baixo o terror franquista, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra no ano 2017, e coordinou as Xornadas contra a Impunidade, que este mesmo organismo puxo en marcha en 2019 e 2020.

No 2018 foi galardoada co II Premio de Xornalismo Lueiro Rey polo seu artigo “O universo de Carlos”, protagonizado por un neno con autismo.

Foto: José Luiz Oubiña
Twitter: @MontseFajardoP

Pampa García Molina

Pampa G Molina - Mulleres que opinan 2021

Pampa García Molina (Madrid, 1976)

Xornalista científica.

Desde 2011 é redactora xefa de SINC, a primeira axencia pública de ámbito estatal especializada en información sobre ciencia, tecnoloxía e innovación en español, con licenza Creative Commons. Durante este período o traballo da axencia SINC foi recoñecido cos premios máis prestixiosos no seu ámbito, coma o Premio Prismas Casa das Ciencias, en 2014, e o Premio Concha García Campoy, en 2015.

É licenciada en Física Teórica e conta co máster en Xornalismo Científico da Universidade Carlos III de Madrid. Foi redactora na revista Muy Interesante e a na empresa de comunicación científica Divulga.

Foi editora de temas de ciencia e tecnoloxía no grupo SM e colaborou con diversos medios de comunicación.

Desde 2009 ata 2017 formou parte da xunta directiva da Asociación Española de Comunicación Científica, ocupando os cargos de vicepresidenta, secretaria xeral e vogal.

Foto: Rocío Ibarra
Twitter: @pampanilla
Web da axencia SINC: www.agenciasinc.es

Pilar Álvarez Molero

Pilar Alvarez - Mulleres que opinan 2021

Pilar Álvarez Molero

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Sevilla e co máster de Xornalismo de El País.

É a primeira correspondente de xénero do diario El País. Esta periodista granadina con case vinte anos de traxectoria está especializada en temas sociais coma a igualdade, a violencia de xénero ou a educación. Escribiu no diario algunhas das claves da evolución do movemento feminista e das dúas folgas de mulleres do 8M. Ademais, segue moi de preto as historias das sobreviventes da violencia machista e das súas familias, e tamén o traballo e os erros das administracións para frear estes crimes.

Viaxou para contar a realidade nos países nos que máis se vulneran os dereitos das mulleres, coma o encarceramento de varias mulleres no Salvador. Así mesmo, imparte talleres sobre xornalismo con perspectiva de xénero dentro e fóra de España.

Desenvolveu a maioría da súa carreira profesional en El País, pero antes exerceu o xornalismo de axencia en EFE, en cadeas de radio (Cadena Ser ou Onda Cero) e no diario La Opinión.

Twitter: @pilaralvarezm

Silvia Carregal

Silvia Carregal - Mulleres que opinan 2021

Silvia Carregal (A Coruña, 1973)

Licenciada en Xornalismo e cun máster en Xornalismo Dixital.

Directora de As Nosas, un xornal deportivo no que as mulleres son as protagonistas.

En 1994 iniciou súa andaina como xornalista deportiva. Traballou en televisión, prensa, radio, medios dixitais e axencias, nas que asumiu diferentes responsabilidades, como a de xefa de Deportes.

Nos anos oitenta participou como xogadora na Fundación do Sal-Lence Fútbol Sala. Como xornalista puxo en marcha o espazo Ellas también juegan, dedicado á visibilización do papel da muller no deporte en Galicia.

En 2013 o colectivo MUDEGA premiou a súa traxectoria xornalística por contribuír a visibilizar o deporte feminino galego.

Twitter: @scarregal
Web de As Nosas: asnosas.gal

Susana Pedreira Buján

Susana Pedreira - Mulleres que opinan 2021

Susana Pedreira Buján (Vitoria-Gasteiz, 1983)

Xornalista, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Comezou traballando en comunicación empresarial e institucional. En 2010 incorporouse á redacción de Onda Cero en Galicia; desde entón dirixe e presenta o programa local diario Más de uno Pontevedra. En setembro de 2015 asumiu a coordinación do programa Gente viajera de Galicia. Ademais, desde 2016 participa na programación nacional de Onda Cero co programa Un alto en el camino, catro horas de directo nas mañás da fin de semana que cada verán se emite desde Pontevedra para toda España.

É unha das coautoras do libro Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo, editado pola Editorial Galaxia e pola Deputación de Pontevedra.

É cofundadora do foro As Mulleres que Opinan Son Perigosas, que xa vai pola súa cuarta edición. A realización da primeira edición, en marzo de 2018 no Teatro Principal, converteu a Pontevedra durante dous días na capital do xornalismo de opinión con sinatura de muller.

Web: www.ondacero.es/programas/un-alto-en-camino
Twitter: @SuPedre

 

Susana Vera

Susana Vera - Mulleres que opinan 2021

Susana Vera

Fotoperiodista.

Formada en fotoperiodismo na Universidade de Misuri (nos Estados Unidos), traballou en diversos diarios estadounidenses, entre eles The Herald News, The Gurnee Sun e The News&Observer, antes de instalarse en Madrid, onde traballa para a axencia internacional de noticias Reuters desde 2003.

O seu traballo foi galardoado con diversos premios: o Pulitzer, pola cobertura en equipo das protestas de Hong Kong en 2019, Pictures of the Year International, NPPA Best of Photojournalism, Atlanta Photojournalism Seminar, Premio Nacional de Fotoperiodismo ANIGP-TV 2012, Premio Fundación Conde Godó de Fotoperiodismo, Premio Iberoamericano de Periodismo Joven La Pepa e McClatchy President’s Award.

Foto: Juan Medina
Web: www.susanaveraphotos.com