Premios Virxinia Pereira

O premios Virxinia Pereira de Banda Deseñada é un proxecto promovido pola Escola Profesional de Banda Deseñada de Galicia (O Garaxe Hermético) e a Concellaría de Igualdade para reivindicar e concienciar sobre a problemática da diferencia de xénero e a desigualdade social das mulleres na nosa sociedade, dende a arte da Banda Deseñada.

O premio ten como obxectivo estimular e fortalecer a reflexión crítica sobre as desigualdades existentes entre homes e mulleres no noso país, contemplando súas interseccións dependendo da clase social, xeración, raza, etnia e sexualidade no campo das relacións de xénero, mulleres e feminismos, e sensibilizar á sociedade respecto a problemática destas desigualdades na sociedade actual.

BASES DO PREMIO VIRXINIA PEREIRA

Ver pdf das Bases

ACTA DO XURADO 2017

Ver pdf da Acta

CARTEL DO PREMIO

cartel-virxinia-pereira1

TRABALLOS GAÑADORES

1º PREMIO

“Ítaca”
de Francisco Pérez Outes

1-premio-itaca-1
2º PREMIO

“Unha calquera”
de Pablo Prado Fernández

2-premio-unha-calquera_pax1-1
3º PREMIO

“Encontros na noite”
de Adán Álvarez Rivas

3-premio-encontros-na-noite1-1
ACCESIT

“O meu fogar”
de Elísabet García Aires

accesit-o-meu-fogar-1

A muller de Daniel Alfonso R. Castelao, era filla de Camilo Pereira Freijende e Peregrina Renda López, familia acomodada do Concello da Estrada. Nace o 20 de outubro de 1884 e na súa partida de bautismo aparece cos nomes de Virginia, Nicolasa, Ma de Gracia, Tomasa. Dentro da familia numerosa Pereira Renda, Virxinia fai o número sete, todas elas mulleres. Con ela remata a descendencia feminina xa que logo os tres irmáns restantes son varóns. Unha das irmás, Aquilina Benita, nacida no 1879 morre moi pequena. Así mesmo o irmán Xosé fina á idade de sete anos.

Virxinia, o mesmo que súas irmás, recibe os primeiros contactos coas letras da man dun mestre particular que seu pai contratara para a educación daquela numerosa prole. Non hai dúbida que na ensinanza social han se-las irmás maiores as que leven a tutela de súa irmá. Vive con intensidade tódolos acontecementos sociais da familia.

Chega o 1902. Mentres na veciña Compostela o mozo rianxeiro, Alfonso Daniel R. Castelao comeza os estudios universitarios na facultade de medicina, Virxinia, na súa vila, entra de cheo, apadriñada polas súas irmás maiores, no círculo da mocidade “ben” de A Estrada.

Virxinia e súas irmás, María Lía e Eva María viaxan, con frecuencia, ata a cidade do Apóstolo a visitar á súa irmá Sara que xunto ao seu home fixara a súa residencia na cidade de Santiago. Será nesta cidade onde Virxinia e Eva coñezan ó estudante Castelao.

Naquelas datas Castelao, mozo de desgarbada anatomía, fillo de indiano rico, era ben coñecido nos ámbitos universitarios de Compostela. Os seus debuxos de retranqueiro humor galego, as súas caricaturas de personaxes sobranceiros e de actualidade atopaban moi boa aceptación entre os estudantes.

O remate da carreira de medicina de Afonso, o seu proxecto de establecerse como médico en Rianxo e a fortaleza no amor de Virxinia fixeron posible que se lle outorgase a Daniel Alfonso o consentimento pleno. Casan o 19 de outubro do ano 1912 na Vila de A Estrada. O matrimonio Rodríguez Pereira establece a súa residencia en Rianxo onde Castelao exerce como médico xeral. Un ano despois, febreiro de 1914, nace o fillo, Afonso Xesús de Praga.

Intres de dor e desacougo agardan a Virxinia primeiro co desprendemento de retina que sufre Daniel que lle obriga a deixar a súa profesión de médico e, logo, a mala saúde do fillo. Todo elo fai que a familia acabe na cidade de Pontevedra onde Daniel ingresa no cadro de persoal do Corpo Técnico do Instituto Xeográfico e Estadística da capital da provincia. Tamén será nomeado profesor de debuxo no instituto pontevedrés, publicará Cousas, recibirá o nomeamento de membro da Real Academia Galega, e estará vinculado ao Museo pontevedrés.

Novos momentos de dor coa morte de Afonso, o 3 de xaneiro de 1928. Castelao desaparece dos parladoiros, deixa algunhas colaboracións e entrégase de cheo, ao debuxo e á confección de albumes. Virxinia, rota, desconsolada, procura un refuxio de paz nas visitas ó cemiterio de san Mauro onde descansa a ilusión da súa vida, o seu neno.

A guerra civil española colle ao matrimonio en Madrid e, a carón do goberno republicano, alí residen; despois Valencia, cidade na que fai exposicións dos seus debuxos e por último reside en Barcelona.

Moscú, Cuba ou Nova York foron paradas do seu exilio, até xuño de 1940 cando o matrimonio chega a Bos Aires. Castelao segue coas arelas da defensa da República e a recuperación de Galiza. Escribe cartas e cartas a Manuel Portela Valladares a Martínez Barrio e a outros antigos compañeiros de loita.

No 1949, coa vista xa reducida ó mínimo, un mal incurable aparece nos pulmóns de Daniel. Nin Castelao nin Virxinia coñecen tan mortal diagnóstico: cancro de pulmón. Non obstante, diante da progresión da enfermidade, Virxinia descobre o segredo. Agora só vive en silencio unha situación que cada día vaise agravando e que ten un definitivo e triste desenlace o día 7 de xaneiro do ano 1950.

En Bos Aires, despois do pasamento de Castelao, Virxinia viviu no mesmo apartamento que ocupara o matrimonio; preto do Centro Galego. Conservaba tódolos trebellos, apuntes e cousas do home: os derradeiros lapis de debuxo, moi aproveitados, como el os deixara. Durmía coa foto de Castelao baixo da almofada. Virxinia vivía dos recordos. Agardaba con verdadeira impaciencia a chegada do serán para achegarse ata o cemiterio de Chacarita, panteón do Centro Galego, para depositar unha flor e falar na intimidade co “seu Castelao”.

A vida de Virxinia na cidade do Río da Prata era unha espantosa soidade cando chegaba a noite. A muller matina decote nos dous seres da súa vida: seu fillo e o seu home. E, nesas longas noites de insomnio decide trasladalos restos do fillo para o panteón familiar do cemiterio de Figueroa, A Estrada. E Virxinia encamíñase a Galicia onde aínda viven algúns irmáns e sobriños cos que sempre se relacionou. Traía unha idea fixa. Xa que non se lle puidera cumprir, de momento, o desexo de Castelao de descansar na Terra, amenos que o seu neno sexa levado para o cemiterio de A Estrada, onde ela tamén desexa ser soterrada.

Un serán do verán de 1969, mentres olla a casa de seus pais, na rúa nomeada de Pérez Viondi, onde xogara na súa nenez, unha rapariga en bicicleta deu con ela no chan. No mesmo intre, mentres a axudaban a erguerse Virxinia díxolle á cativa: “Neniña agora mesmo asinaches o pasamento desta muller”.

As palabras de Virxinia cumpríronse. Despois dunhas curas de urxencia, días despois marchou en tren a Salamanca a casa da sobriña Vita. 

O 23 de decembro de 1969, esmorecía a vida de Virxinia, de 85 anos, que percorrera medio mundo agarimando, alentando e coidando ó seu home, Alfonso Daniel R. Castelao. Era ela a dona Virxinia Pereira de Castelao. Chegara ó centro médico da man de seu irmán Camilo que estivo ata o derradeiro suspiro facéndolle compaña. Tamén a súa sobriña Vita acudira dende Salamanca para acompañala naquel derradeiro adeus.

Na actualidade repousa na eternidade a carón do seu fillo no cemiterio de Figueroa, na vila da Estrada, ollando cara o norte a igrexa de San Domingos de Bonaval onde durme o soño eterno o seu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Información e fotografías recollidas de http://www.tabeirosmontes.com/ da man de Olimpio Arca Caldas

Información e fotografías recollidas de http://www.tabeirosmontes.com/ da man de Olimpio Arca Caldas