En negro contra a violencia

Pontevedra súmase á campaña “En negro contra a violencia” que se porá en marcha até en 18 concellos distintos de toda Galiza entre o 18 e o 28 de novembro en colaboración cos comercios locais con motivo do Día Mundial contra a violencia de xénero, 25 de novembro. A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces explicou que o Concello de Pontevedra se suma a esta campaña “porque non é incompatible coa que xa temos en marcha #PrimAcoso e ten o plus dunha certa homoxeneidade das administracións locais na loita contra a violencia”.

En Pontevedra, o Concello achegará todo o material necesario aos establecementos comerciais que se queiran sumar. Neste momento son 126, que recibirán camisetas, cartaces, paraugas, faixas… co logo “En negro contra a violencia”. Este material quedará en depósito en todos os comercios que o soliciten, e pedíuselles que no caso de que se producira unha nova vítima de violencia machista poidan volver a vestir os seus escaparates e comercios con esta decoración.

Ademais, dende a Concellaría estase a promover unha cadea humana vestida de negro para o mesmo día 25 de novembro na que participarán colexios de Pontevedra (polo de agora están confirmados 10) partindo da praza da Peregrina cara todas partes da cidade.

Carmen Fouces confirmou que tanto ela como o alcalde, a presidenta da Deputación, Carmela Silva e a deputada provincial de Igualdade participarán na cadea que está prevista en Ponte Sampaio, en colaboración co centro de ensino da parroquia. A concelleira explicou que se trata dunha cadea humana especial polo asasinato de Conchi Reguera.

As cadeas humanas comezarán ás 11.00 horas.

COMPARTIR