Outorgados por unanimidade os Premios Ernestina Otero 2016

Os Premios Ernestina Otero xa teñen gañadoras/es. Os premios están promovidos pola Concellería de Igualdade co fin de incorporar a perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster para os alumnos das universidades galegas.

O xurado, reunido o pasado venres na Sala de Comisións do Concello de Pontevedra, acordou por unanimidade outorgar os galardóns a:

  • Na categoría Traballos de Fin de Grao:
    • O impacto da Coeducación no desenvolvemento persoal. Autora: Tamara Fernández Amosa. Un Traballo que aporta unha boa metodoloxía e unha boa proposta de intervención partindo dun diagnóstico inicial. Existe ademais unha autoavaliación na que se recollen propostas de mellora nun campo tan prioritario de traballo como é o educativo.
    • A Educación Afectivo-Sexual en persoas con diversidade funcional e intelectual. Autora: Bárbara Penas Rey. Pola súa valentía no tema que trata poñendo o foco nunca realidade que normalmente se agacha. Visibilizando unha realidade que nos se quere ver e dando voz ás e os protagonistas fomentando a súa autonomía.
    • Escola de Igualdade: Proxecto de formación en igualdade de xénero para o monitorado de “Noites Abertas”. Autor: Ignacio Márquez Collazos. Un traballo práctico que avalía unha experiencia que xa está en marcha propoñendo vías de mellora. Metodoloxicamente utiliza o esquema Investigación-Acción-Participación dando voz as/os participantes.
  • Na categoría Traballos de Fin de Máster:
    • As bruxas non me dan medo (o que me dá medo son os fillos de puta). O concepto “bruxa” na creación audiovisual contemporánea. Autora: Rebeca López Villar.
      Partindo dun estereotipo aborda a bruxa como concepto, desmitificándoo e deconstruíndo o imaxinario existente para resignificalo dende unha óptica feminista. O traballo conta con contido audiovisual o que o dota dunha parte practica moi interesante para o traballo posterior. Pon de manifesto a importancia da obra artística para a difusión das mensaxes.

Integran o xurado que avaliou os traballos presentados:

  • Carme Fouces Díaz, concelleira de Igualdade
  • Rosa Campos Briones, directora do CIM
  • Anabel Gonzalez Penin, directora Unidade de Igualdade Universidade de Vigo
  • Montserrat Golías Perez, representante da Universidade da Coruña
  • Dolores Vilavedra Fernández, representante sa Universidade De Santiago de Compostela

Os traballos presentados tiñan que estar defendidos ao longo do curso 2015-2016 e súa temática tiña necesariamente que estar vencellada ao “fomento da igualdade entre homes e mulleres, facilitando a sensibilización e a participación de toda a cidadanía”.
As persoas premiadas recibirán, ademais da achega económica, un diploma de mención pola presentación do seu traballo que se entregará nun acto público que se vai a celebrar o próximo 28 de novembro na Casa da Luz.