A Mesa da Violencia pídelle á Xunta que non esixa a sinatura do maltratador para escolarizar ou mudar de cole ao fillo/a das vítimas de violencia machista

A Mesa contra a Violencia machista pídelle á Consellería de Educación que modifique a súa normativa e que non esixa a sinatura do maltratador para a inscrición escolar (matrícula) dos nenos e nenas, fillos de vítimas da violencia de xénero.

A Mesa, reunida o pasado 3 de marzo, asumiu a instancias do representante da propia consellería quen falou dos problemas que ten que enfrontar unha muller supervivente da
violencia cando trata de escolarizar ou mudar de centro ao fillo/a co fin de recuperar a súa
vida. Nestes casos esíxelle que a solicitude de inscrición do menor estea asinada por ela
e máis polo pai maltratador.

A concelleira de Igualdade, Carme Fouces, subliña que esta esixencia pon á muller, e as
veces tamén aos menores, nunha situación de risco real para súa integridade polo que o
axeitado sería que a solicitude de matrícula sexa feita pola persoa que ten a custodia do
menor, a nai ou titora.

A Mesa formula a demanda coincidindo coa apertura do prazo de matrícula escolar. Neste foro están representados o Concello, CIM, Punto de encontro, Consellería de Educación, Unidade de Violencia de Xénero da Xunta, o SEPE (Servizo de emprego), Sergas, a Policía Local, Policía Nacional, a nova Unidade de Violencia da Policía Autonómica, o Centro de emerxencias para atención das vítimas (Casa de acollida) e do Colexio de Avogados.

Na reunión celebrada o pasado 3 de marzo botouse en falta a presenza dun representante da Xustiza, administración convidada e que, ao igual que fixo noutras ocasións, non compareceu.