O Centro de Información á Muller trasládase a Casazul

    • As obras están iniciadas e poderá trasladarse no vindeiro mes.
    • Haberá despachos para os profesionais, salas de reunións, informática, de formación, biblioteca e espazos para os alumnos en prácticas.

A Concellaría de Igualdade está a realizar obras nun ala do terceiro andar da Casazul para trasladar no prazo máis breve posíble as dependencias do Centro de Información á Muller (CIM). Este cambio enmárcase dentro da decisión da Concellaría de poñer no primeiro plano na axenda política e social a igualdade como vén facendo nos últimos dous anos. O obxectivo tamén é mellorar as instalacións do Centro que día a día recibe máis visitas e está a ser un referente no ámbito da muller na cidade.

Na actualidade o CIM está situado no Chalé Fontoira compartindo espazos cos Servizos Sociais municipais en dous despachos que ocupan tres traballadores, con espazo insuficiente para poder desenvolver a actividade diaria.

Na reforma proposta na Casazul estanse a habilitar dous despachos (un para a psicóloga e outro para a avogada), aula de informática, biblioteca, espazos de formación, zona de reunións e espazos de traballo para o alumnado en prácticas, xa que o CIM de Pontevedra cada vez recibe máis peticións para facer prácticas. Neste momento dispón dunha alumna en prácticas e xa conta con varias peticións en lista de agarda.

As obras están iniciadas e o CIM trasladarase á Casazul en canto estean rematadas.

Dende a Concellaría de Igualdade quérese crear un espazo para as mulleres, onde coexistan as actividades sociais, educativas e a de atención ás vítimas de violencia. Tamén se pretende dar un espazo ao Consello da muller nova para poder reunirse, e tamén para que as mulleres atopen un lugar de encontro.

Este cambio segue a liña do compromiso pola igualdade e a loita contra a violencia de xénero que é prioritaria para o Gobenro municipal.