nAmorAndo constata o arraigo de estereotipos sexistas entre os nenos e nenas de Primaria

  •  “Hai xogos de nenos e xogos de nenas”; “un neno/a valente non chora nin ten medo”; “as chicas guapas son guais” ou “o normal é namorarse nada máis verse” son creenzas que repiten os escolares
  • 309 rapaces de 4º de Primaria de oito CEIP participaron no programa de prevención da violencia machista que promove a Concellería de Educación e Igualdade

Os estereotipos e prexuízos sexistas relacionados co xogo e co amor romántico están espallados e dun xeito acrítico entre os nenos, nenas e adolescentes. Loitar contra eles e contra a violencia de xénero está no ADN do programa nAmorAndo, que impulsa a Concellería de Educación e Igualdade nos centros educativos do concello. Estamos en tempo de balance do feito no 2017.

O programa nArmorAndo traballa en dous segmentos de idade: nenos e nenas de 4º curso de Primaria (de 9 e 10 anos) e adolescentes de 4º da ESO (14-16 anos).

En nAmorAndo-2017 participaron 309 nenos e nenas de oito CEIP: Xunqueira I, Xunqueira II, Barcelos, Álvarez Limeses, Cabanas-Salcedo, Vilaverder- Mourente, San Bieito de Lérez e Príncipe Felipe e 345 adolescentes de catro IES: Xunqueira I, Xunqueira II, Sánchez Cántón e Luís Seoane.

Nos dous casos os participantes responderon a unha enquisa inicial na que reflectiron as creenzas vencelladas ás emocións, a roles de homes e mulleres e as relacións de parella. Constatouse que os rapaces teñen máis creenzas sexistas que as rapazas e no caso dos adolescentes eles teñen máis problemas que elas á hora de detectar o maltrato que, dun xeito preocupante, identifican sen dúbidas só coa violencia física.

“Erea e Martiño, unha historia diferente” foi o nome do programa de prevención de violencia machista nArmorAndo desenvolvido co alumnado de Primaria. A rapazada en porcentaxes moi significativas, deron por certas cuestións como que “un neno ou nena valente non tería que chorar, nin ter medo por nada”, “cando se ten medo a algo é mellor marchar correndo”, “se estás enfadado é mellor non dicir nada para que non te rifen”, “hai xogos de nenas e xogos de nenos” ou “as chicas guapas son guais”.

Ademais cando falan do amor, os estereotipos dos contos tradicionais e os mitos asociados ao amor romántico se repiten: “o normal é namorarse nada máis verse”, “cando dúas persoas casan ós poucos días de coñecerse o normal é que sexan felices”; “as rapazas teñen que esperar ao seu príncipe azul”, “cando unha rapaza ten parella xa non precisa sair cos seus amigos/as”.

Ao abeiro do programa nAmorando traballouse ao longo de sete sesións con música, curtas, fragmentos de películas, role-playing, teatro, xogos…co fin de cambiar actitudes a través do debate, a reflexión, a expresión de emocións e a empatía. O obxectivo é desmontar mitos sobre o amor romántico, identificar relacións baseadas na desigualdade, romper estereotipos sexistas que manteñen ideoloxías machistas e axudar a expresar emocións abertamente como signo de valentía, e afastándoas de realidades estereotipadas.

Os resultados da intervención amosan que tanto os nenos como as nenas son quen de reflexionar e cuestionar as súas creenzas e mesmo dar un paso adiante e mudar comportamentos sexistas mais tamén constata a resistencia a corrixir a súa visión do amor romántico especialmente no que respecta a idea de que pode ser que dúas persoas que se namoren e os poucos días casen sexan felices.

O traballo que se fai cos nenos e nenas nas escolas ten un efecto multiplicador pois as mensaxes que o alumnado recibe chega tamén a familia e aos seus iguais