Visitas aos Consellos da Muller Nova dos IES

    • Hoxe estivo reunida no Sánchez Cantón, e mañá e pasado mañá será na Xunqueira e no IES Luís Seoane.
    • Os Consellos continúan a súa formación cunha charla de Ana Rey e outra de María Obelleiro.

A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces visitou esta mañá o Consello das mulleres novas no Instituto Sánchez Cantón para coñecer aos seus integrantes e o seu funcionamento. Esta é a primeira visita dunha xeira programada para estas semanas nas que a concelleira quere coñecer de primeira man o funcionamento da Rede de Consellos da Muller Nova creado a principios de curso.

Carmen Fouces salientou “a implicación e compromiso por parte do alumnado e do profesorado” e destacou que son dous homes os que coordinan voluntariamente o consello. “Atopei un grupo moi motivado para seguir traballando”, afirmou. No Consello da Muller Nova do instituto Sánchez cantón xa traballan nunha actividade de cara ao vindeiro 8 de marzo.

A xeira continúa mañá cunha visita ás 11.30 horas ao Consello do CIFP da Xunqueira e o venres, 23 de febreiro, ás 11.30 horas está previsto un encontro co Consello do IES Luís Seoane.

As visitas, enmarcadas dentro da programación de Crea 18 de Marzo da Concellaría de Igualdade, con motivo da reivindicación do Día Internacional da Muller Traballadora, queren pór en valor estes Consellos integrados por 98 alumnos e arredor de 15 docentes dos IES A Xunqueira I, A Xunqueira II, CFP A Xunqueira, Sánchez Cantón, Torrente Ballester, Frei Martín Sarmiento e Calasancias.

Encontros con persoeiros

Alumnos e profesores destes Consellos están a recibir unha formación específica a través de charlas-debates con persoeiros relevantes nas distintas temáticas nas que queren traballar. Posteriormente, en colaboración coa Facultade de Comunicación Audiovisual do Campus, realizan programas radiofónicos coas temáticas elixidas polos membros dos Consellos e coa bagaxe adquirida nestas charlas debates.

Precisamente mañá está previsto un encontro con Ana Rey Cao, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, no Seminario 4 do Pazo da Cultura de 17.00 a 19.00 horas.

O venres, 23 de febreiro, será con María Obelleiro, directora de Sermos, no Salón de actos do Pazo da Cultura, tamén entre as 17.00 e as 19.00 horas.