Redeira aposta por transformar o edificio de Santa Clara nun centro de igualdade

  • Unha boa parte do proxecto estará financiado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
  • O CIM xa está no edificio, que se completará cunha novedosa oferta laboral baseada na economía colaborativa.
  • Está prevista unha mellora exterior e interior do edificio, que adicarase integramente a centro que xire arredor da perspectiva de xénero.

O Concello de Pontevedra traballa na transformación do edificio municipal de Santa Clara para convertelo nun centro que xire ao redor da igualdade e da perspectiva de xénero. Xa está instalado o Centro de Información á Muller (CIM) dende hai un par de meses, e complementarase no prazo dun mes co proxecto Redeira, que estará financiado cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e que se implementará a través da economía colaborativa.

As concelleiras de Igualdade, Carmen Fouces, e de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentaron esta mañá o proxecto que se irá activando ao longo do 2018.

Na actualidade no edificio de Santa Clara, que será “rebautizado” como Redeira, ten a súa sede o CIM integrado por seis persoas: unha psicóloga, unha avogada, dous axentes de igualdade e dous policías locais, “un equipo importante”, aseguraba a concelleira Carmen Fouces. Na actualidade comparte instalacións co Grupo de Desenvolvemento Local dos fondos Leader Pontevedra-Morrazo e cuns espazos que ocupan a Asociación de Veciños Río Lérez e o colectivo Fab-Lab. A intención das concelleiras é buscarlle acomodo a todos eles noutros edificios municipais, e destinar o Redeira integramente para atención á muller.

Para continuar a dotar de contido o local, ambas concellarías empregarán dúas vías de financiamento: os fondos propios para un primeiro tratamento da parte exterior do edificio, e os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para implementar o proxecto Redeiras e facer obras de remodelación interna.

A primeira actuación farase con cargo aos fondos municipais e consistirá no cambio da porta exterior do edificio, do cambio da porta do ascensor, a limpeza de toda a fachada e a reparación dun canalón da cuberta que está  metendo humidade no interior. Este investimento será duns 30.000 euros e poderá iniciarse nunhas dúas semanas.

Con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), existe unha contía de 130.000 euros para implementar o Plan de igualdade dándolle un enfoque de xénero a través da incorporación sociolaboral, máis aló dos itinerarios formativos. A Redeira, como se chama o proxecto, pretende aproveitar o equipamento público para a economía colaborativa con perspectiva de xénero. Pretende promover o punto de encontro de proxectos e habilidades sociais das persoas a través de intercambios de tempo, a través dun banco colaborativo de horas.

Ademais, tamén disporá de actividades complementarias como xornadas de traballo noutras linguas, información específica sobre determinadas actividades (información legal sobre o traballo doméstico, por exemplo).

Aínda que Redeira estará dirixido por persoal técnico, o proxecto tamén fai un aceno a distintos públicos para que o nutran con outros contidos, creando un Consello infantil ou o Consello da sabedoría de persoas maiores, ademais de beber, tamén, no Consello da Muller Nova.

Aínda que é un proxecto aberto á toda a poboación, terán unha consideración especial as usuarias do CIM.

Anabel Gulías adiantou que as obras de reforma interior do edificio faranse ao longo deste ano (ambas concellarías xa traballan nel), pero quería iniciar o proxecto canto antes, polo que no prazo dun mes poderá estar en marcha o banco colaborativo de horas.

O proxecto contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). E contribúe ao fomento da igualdade como política transversal de todo o Concello que pretende o Goberno Local coa implementación destes terceiro Plan de igualdade, e casa á perfección co ordenamento xurídico e o acervo comunitario.

COMPARTIR