Na busca das Escolas Deportivas Municipais máis igualitarias

  • Un estudo da Comisión de Igualdade de Noites Abertas deixa ao descuberto a masculinización e feminización de certas disciplinas practicadas entre os rapaces de 4 a 14 anos.
  • Propón medidas correctoras no deseño de cartelería, cursos de formación en igualdade para monitores, campañas que fomenten a práctica deportiva das mozas ou reformas nas instalacións municipais para acondicionalas ás necesidades específicas das deportistas

As concellarías de Xuventude e Deportes presentaron esta mañá a publicación “Retos para garantir a igualdade nas Escolas Deportivas Municipais”, un estudo sobre as EDM elaborado pola Comisión de Igualdade das Noites Abertas nas que se aborda o problema da igualdade, con disciplinas masculinizadas e outras feminizadas, entre cativos de 4 e 14 anos. O estudo foi elaborado por unha comisión de expertos na que estiveron presentes os concelleiros de ambos departamentos cos técnicos respectivos, xunto a Anxo Gómez profesor de Educación Física do Instituto Sánchez Cantón; Carme Reboredo, membro da Comisión de Igualdade de Noites Abertas; Iria Vázquez, profesora de socioloxía da Universidade de Vigo e a tríatleta Alba Cuba.

Durante a celebración das Escolas Deportivas Municipais de 2016/2017 realizáronse entrevistas e enquisas entre 22 das 31 EDM, e entre 76 monitores. Tamén se fixeron entrevistas en profundidade con membros destacados das EDM para obter os resultados que serán presentados o sábado, ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura aos clubs da cidade.

O estudo detecta que o primeiro dos problemas atópase na familia xa que distingue entre deportes masculinos e femininos, así como nos medios de comunicación de tirada estatal que loan, xeralmente, os éxitos das competicións masculinas.

Ademais, o estudo tira unha serie de conclusións relativas á actuación directa das EDM de Pontevedra como a necesidade de realizar cursos de formación en igualdade para o monitorado, facilitándolle un método de traballo neste eido; campañas de captación deportiva coa perfecta integración da muller; coidar a imaxe dos carteis promocionais de eventos; crear torneos que fomenten a práctica deportiva das mozas; ou mellorar as instalacións deportivas municipais normalizando a presenza da muller nestes espazos creando espazos específicos para elas, como pode ser o caso da reforma do Multiusos.

Os concelleiros adiantaron que se trata de conclusións que asume o Concello e que tamén servirá aos clubs para iniciar o traballo neste eido, facendo unha sociedade máis igualitaria.

Informe Igualdade de Escolas Deportivas Municipais