A Universidade estuda os casos de acoso sexual denunciados na campaña #PrimAcoso

A Concellaría de Igualdade encargou ao equipo de investigación Saúde, sexualidade e xénero, da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, da Universidade de Vigo, un estudo sobre a campaña #PrimAcoso que se puxo en marcha nas redes sociais con motivo do 25 de novembro de 2016. A profesora María Lameiras coordina o estudo xunto ás investigadoras María Victoria Carrera e Yolanda Rodríguez.

Carmen Fouces, concelleira de Igualdade, presentou esta mañá as liñas xerais do estudo acompañada de María Lameiras, e destacou a importancia de recoller esta información, analizala e tirar conclusións para pór en marcha estudos de xénero e adoptar medidas con datos na man.

A campaña #PrimAcoso pretendía pór o foco na base da pirámide, no primeiro acoso que teñen sufrido as mulleres e que é un feito común a todas elas. É un estudo pioneiro no Estado, xa que nunca se teñen analizado as redes sociais dende este punto de vista.

O equipo de investigación xa dispón de toda a información (arredor de 3.000 twitters e 1.000 comentarios en facebook) que está sendo sistematizada por un programa informático de análise cualitativa Atlas.ti O equipo atópase na última parte do proceso de investigación (interpretación, redacción e discusión dos resultados), que estará rematado para ser presentado o vindeiro 25 de novembro.

O estudo estruturouse en distintas categorías e subcategorías de traballo en función dos seus contidos. Deste xeito aparecen categorías como o Abuso sexual infantil -que é o máis frecuente dos abusos- determinando idade da vítima, lugar, tipo de abuso (verbal, físico…), duración ou identidade do acosador.

O resto de categorías son: Bulling sexual, acoso sexual, agresión sexual, acoso por razón de sexo, discriminación por identidade heteronormativa, actitudes dos homes nas campañas #PrimAcoso, reaccións: da vítima, do agresor e dos espectadores.

COMPARTIR