Os premios Ernestina Otero premiarán traballos de infantil, primaria e secundaria

    • Igualdade reformula o premio ante a baixa calidade dos estudos presentados, e opta por impulsar os proxectos da educación obrigatoria.
    • Están publicados dende hoxe no BOPPO.

A Concellaría de Igualdade vén de reorientar os premios Ernestina Otero, que recoñece os proxectos educativos coa incorporación de perspectiva de xénero, cara traballos de educación infantil, primaria e secundaria do concello. Até o de agora, estes premios estaban pensados para proxectos universitarios de fin de máster e de grao, pero o pasado ano tiveron que quedar desertos ante a baixa calidade dos estudos presentados. Nese punto, a Concellaría acordou reformular o premio e abrilo só a traballos de infantil a secundaria co propósito de poder financialos e impulsalos.

Paralelamente, o Concello púxose en contacto coa familia de Ernestina Otero, co seu neto, Manuel Puga, para coñecer a súa impresión sobre este cambio, que foi moi ben acollido dado que Ernestina Otero era mestra.

Polo tanto, este ano, os Ernestina Otero están orientados a recoñecer e valorar aqueles proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero, e que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidades.

Establécense dúas categorías de participación en función do tipo de centro, e poden participar os centros de educación infantil, primaria, secundaria e postobrigatoria non universitaria do Concello de Pontevedra que realizasen proxectos e actividades incorporando a perspectiva de xénero no curso académico 2017/2018.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde a apertura do prazo e ata o 20 de agosto de 2018.

As bases dos premios saen publicadas no Boletín oficial da provincia de Pontevedra

Bases-do-premio-ernestina-otero-2018

COMPARTIR