O Consello da Muller fai repaso de 2018 e marca as liñas de traballo para o vindeiro ano

O Concello de Pontevedra celebrou onte pola tarde a reunión do Consello da Muller, presidido pola concelleira de Igualdade, Carmen Fouces para facer balance do traballo dos últimos meses, facer un avance da programación do vindeiro 25 de novembro (que se dará a coñecer nos próximos días), e adiantar algunhas das liñas das que traballará a concellaría de cara ao vindeiro ano.

Ao respecto da actividade deste ano, Carmen Fouces explicou a reformulación dos premios Ernestina Otero Sestelo para centralos en Educación Infantil, Primaria e Secundaria; a programación de ocio nocturno “Noites Abertas 2018”, que conta cunha comisión de igualdade; ou o primeiro congreso do Consello da Muller Nova dirixido a profesorado e alumnado de centros de ensino secundario. Tamén no eido do Consello da Muller Nova déronse xornadas de formación de radio para o alumnado do consello, xornadas de formación de mulleres nas ondas, e a gravación do programa de radio do Consello da Muller Nova.

A programación da Concellaría tamén estivo reflectida no programa “Pisando Forte” que inclúe unha Escola Municipal de Igualdade ou na campaña “Para que non cales”, durante as festas da cidade, que loitou contra as violencias sexuais e homofóbicas.

Tamén se inclúe dentro da programación do CIM a conmemoración internacional do Día da Muller co programa “As mulleres que opinan son perigosas”, a proxección da película “Custodia compartida” e a xornada “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero”, organizada en colaboración coa Universidade de Vigo.

Carmen Fouces tamén fixo un adianto ás integrantes do Consello da Muller sobre a programación da Concellaría de cara ao vindeiro 25 de novembro, que se presentará publicamente nos vindeiros días. E tamén adiantou as previsións da Concellaría para 2019 como as obras de reforma do edificio de Santa Clara, que será financiado, en parte, cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) ou a formación en igualdade a distintos colectivos directamente vinculados coa violencia de xénero.

COMPARTIR