25-N: Declaración institucional do Concello de Pontevedra con motivo do 25 de novembro: Día internacional da eliminación da violencia de xénero

O 2018 ten sido un ano importante para o feminismo, que foi quen de mobilizar cun éxito histórico una folga nos ámbitos laborais, de consumo e de coidados o pasado 8 de marzo. Sen dúbida algunha, unha data chamada a marcar un antes e un despois na nosa historia, xa que esta sociedade esixiu que todas e todos pisemos o acelerador.

A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde o respecto ao réxime de distribución competencial en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude de axentes, tanto desde o sector público como desde o privado. Para iso, necesítase un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade galega para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres.

A vixencia da desigualdade, que ten a súa evidencia máis salvaxe nas violencias machistas contra as mulleres, debe comprometer ás institucións a destinar maiores recursos económicos, humanos e materiais para tal fin e situar o seu combate como un mandato de primeira orde os 365 días do ano. Só no que vai de 2018 foron asasinadas no noso país tres mulleres, unha situación insostíbel para calquera sociedade que se considere democrática, pois estamos a falar do máis elemental dos dereitos humanos, o dereito á vida, furtado pola violencia máis extrema do patriarcado.

Non seremos una democracia plena mentres existan mulleres ameazadas, inseguras e asasinadas. A violencia de xénero non ten cabida na sociedade que queremos ser nin na democracia que queremos consolidar, o combate contra a violencia machista e a atención ás vítimas non poderá avanzar se non se establecen mecanismos de coordinación entre as diferentes administracións con competencia na materia, e para que iso sexa posible é necesario dotar ás administración de recursos económicos e do persoal especializado que se require.

Nese sentido a creación dunha unidade específica de Violencia Machista no ámbito da Dirección xeral de xustiza encargada de velar polo axeitado cumprimento das leis contra a violencia de xénero facilitaría unha maior fiscalización, seguimento e mellora.

Transformar a sociedade reducindo a fortaleza do patriarcado e superar todas as manifestacións de desigualdade e violencia que sofren as mulleres é unha tarefa complexa que require de todo o noso compromiso, tanto como institución municipal como á hora de sermos esixentes coas demais administracións implicadas.

E aos maltratadores, que actúan como “lobos solitarios” do terrorismo machista, hai que sinalalos e condenalos, xurídica e socialmente. Teñen que saber que toda a sociedade os condena e lles dá as costas. Que rexeitamos o terrorismo en todas as súas formas, aínda que cometan os atentados na intimidade do ámbito privado, a condena será pública, como públicos son os delitos que cometen.

Cada ano máis 5000 mulleres acudan aos xulgados galegos a poñer denuncias, e isto é só a punta do iceberg. Estímase que só un 20% dos casos chega aos xulgados, polo que sería unha irresponsabilidade deitar exclusivamente neste ámbito as actuacións. Por iso, un dos aspectos máis importantes é avanzar na sensibilización social. Neste aspecto os concellos temos un papel clave, non exclusivo pero importantísimo, á hora de comunicar coa veciñanza.

Combater calquera forma de violencia de xénero: violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia sexual, abusos sexuais, acoso sexual e a trata de mulleres e nenas explotadas sexualmente, debe ser unha cuestión de Estado, xa que a violencia contra a muller e os seus fillos e fillas constitúe unha violación dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais; por tanto

Compren urxentemente medidas como

  • Modificacións do Código Civil, que protexan os menores, principais vítimas da violencia machista, e Garantir o cumprimento das medidas de protección, afastándoos fisicamente, socialmente e xuridicamente dos maltratadores.
  • Modificar a Lei de Enxuizamento Criminal no relativo aos procedementos por Violencia de Xénero, ofrecendo maiores garantías e protección ás mulleres que teñen que pasar por ese proceso. Nomeadamente que sexa potestativo a gravación das declaracións das mulleres para que non teñan que repetila ao longo de todo o proceso xudicial.
  • Promover medidas destinadas a protexer e axudar as mulleres que dan o paso de denunciar a un maltratador, no ámbito do acompañamento inicial.
  • Que se materialice o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, coa dotación Orzamentaria comprometida e que supón a recuperación das competencias dos Concellos.
  • Impulsar as medidas para a loita contra o paro feminino, salarial e as condicións de traballo nos sectores fortemente feminizados comercio, hostalaría, ou sociosanitario e especialmente ás traballadoras vinculadas con todo o sector pesqueiro.
  • Medidas especificas dirixidas a homes e nenos sobre as violencias machistas e desigualdades de xénero.
  • Expresar o recoñecemento da Corporación ás históricas mobilizacións desenvolvidas polo feminismo galego ao longo de 2018 así como o apoio ás mobilizacións que impulsen as organizacións feministas galegas.
  • Expresar a nosa vontade de sumar desde a administración local a prol da erradicación da violencia machista, para o que se solicita da Xunta de Galiza que demande do goberno central o incremento substancial das contías destinadas á administración local nos Orzamentos do Estado de 2019, así como a reformulación dos criterios de reparto para que se teñan en conta as especificidades do noso país.
  • Demandar da Xunta de Galiza a creación dunha Unidade de Violencia Machista específica integrada na Dirección Xeral de Xustiza encargada de velar polo axeitado cumprimento da lexislación en materia de violencia machista. Dita unidade contará, como mínimo, cos seguintes obxectivos a desenvolver:
    • Impulsar xulgados específicos de violencia de xénero nas grandes cidades e avanzar nunha comarcalización dos xulgados acorde coa realidade do noso país e que garanta a igualdade do dereito de atención independentemente do lugar de residencia. Promover o tratamento dos delitos sexuais neste tipo de xulgados especializados.
    • Promover medidas destinadas ao tratamento integral da violencia sexual como unha forma de violencia machista, conforme recolle a lei galega e o convenio de Estambul, prestando atención ás súas especificidades.
    • Garantir a formación en violencia de xénero con perspectiva feminista, de todo o persoal que intervén no proceso xudicial, incluídos equipos forenses e psicosociais.
    • Garantir os espazos separados de declaración e agarda para evitar o contacto de vítimas e agresores así como dotar dos medios necesarios as oficinas de atención á vítima.
    • Incluír nas avaliacións de risco avaliación do agresor para mellorar a eficacia á hora de adoptar as medidas de protección tanto das mulleres como das e dos menores.
    • Dotar os servizos de garda dos xulgados de persoal especializado para atender as denuncias de violencia machista.

Chegou o tempo de poñer o foco sobre a causa que orixina tanta inxustiza, dor e sufrimento que non é outra que a ideoloxía machista que impregna una sociedade patriarcal, e desmontala. A concienciación social foi e é esencial para erradicar o problema, por iso a necesidade de alcanzar acordos.

Pontevedra, 8 de novembro de 2018.

COMPARTIR