II Foro ‘As Mulleres que opinan son perigosas’

O evento, que terá lugar os días 1 e 2 de marzo no Teatro Principal, pretende abrir as portas aos actos en torno ao 8M.

A semana pasada o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernandez Lores presentou a segunda edición do programa ‘As mulleres que opinan son perigosas’, acompañado pola Presidenta da Deputación, Carmela Silva e as coordinadoras do proxecto, as xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela.

O primeiro encontro, celebrado o ano pasado, deixou pouso chegando a xerar preto de 21.000.000 impactos en Twitter grazas a súa retransmisión en streaming. Nesta segunda edición pasamos a consolidar un proxecto pioneiro na loita feminista e a súa visibilización. Lores destacou o feito de que Pontevedra estea na vangarda á hora de reivindicar os dereitos das mulleres e que o Teatro Principal sexa o escenario deste necesario debate, posible grazas ao compromiso das xornalistas que o levan a cabo e á colaboración da Deputación.

Diana López explicou que a edición deste ano xorde da necesidade das mulleres de exercer a opinión e visibilizar o seu traballo e a necesidade do público de atoparse con estas mulleres.

No que respecto ao programa, contará coa presenza de Pepa Bueno, Gemma Herrero, Ana Romaní, Tati Moyano, Towanda Rebels, Marta Sanz, Lucía Mbomio, Irene Bascoy, Carmen Magdaleno, Chus Gómez Dorrego, Lorena G.Maldonado, María Xosé Porteiro ou Tareixa Navaza. “Non repetimos ninguna xornalista para amosar que hai profesionais abondo e non hai necesidade de repetir cartel. Ademais quixemos que estiveran representados ámbitos como xornalismo deportivo a través de Gemma Herrero, a opinión das mulleres negras con Lucía Mbomio e que tiveran cabida os novos formatos de opinón como os blogs, as redes ou Youtube e referentes na loita feminista”, explicou Susana Pedreira.

A inscrición, de balde, está aberta a través da web do Concello, onde podedes atopar tamén o programa completo e as biografías das relatoras.