Encontros literarios do Programa Pinto e Maragota

O escritor e xornalista Fran Pérez Lorenzo estará mañá día 8 de novembro en Pontevedra para manter sendos encontros co alumnado de 1º de Bacharelato de Galego dos institutos Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón. O autor vigués reflexionará cos estudantes sobre a súa primeira novela, ’Cabalos e lobos’ (Xerais), que en 2014 recibiu o XXXII Premio Blanco Amor e que xa vai pola súa quinta edición.

A iniciativa enmárcase dentro do programa municipal Pinto e Maragota, impulsado pola Concellería de Igualdade e destinado a concienciar e sensibilizar á cidadanía pontevedresa en torno á realidade LGTBI e á diversidade sexual e de xénero.

O primeiro dos encontros previstos terá lugar ás 10.00 horas no IES Frei Martín Sarmiento e o segundo a partires das 13.40 horas no IES Sánchez Cantón, coa participación duns 100 rapaces. Asemade, Lorenzo tamén asistirá a un encontro-xantar do Club de Lectura do Salón do Libro de Pontevedra ás 15.00 horas.