Premios Ernestina Otero Sestelo 2019

O xurado dos Premios Ernestina Otero Sestelo 2019, destinados a fomentar a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos do Concello de Pontevedra, acordou por unanimidade conceder os galardóns ao CEIP San Martiño, o IES Luís Seoane e o CPR Calasancio. Os premios foron entregados nun acto celebrado no Teatro Principal, que estivo presidido pola concelleira de Igualdade, Paloma Castro. 

Na categoría de Educación Infantil e Primaria o segundo premio declarouse deserto e o primeiro recaeu no proxecto do CEIP San Martiño ‘Unha mirada lila dende as pioneiras pontevedresas ata as descoñecidas científicas’. O xurado destacou que se lle concedía o galardón “por loitar contra os estereotipos de xénero que se marcan dende as idades máis temperás, dotando ao alumnado de ferramentas para enfrontarse a eles e acadando resultados satisfactorios e notables, e por dar a coñecer e poñer en valor as figuras de moitas das pioneiras da nosa cidade, así como de diferentes científicas e dos seus descubrimentos e investigacións”.

Na categoría de Educación Secundaria, o segundo premio recaeu no proxecto ‘Radio PonteLila – A radio da igualdade’, do CPR Calasancio, pola implicación e participación activa de todo o alumnado da ESO nas distintas tarefas desta iniciativa, pola súa permanencia ao longo do curso, pola difusión pública a través da web e das redes sociais do produto educativo final e polo traballo realizado a prol da desmitificación do amor romántico.

Nesta mesma categoría o xurado outorgou o primeiro premio ao proxecto ‘Reseteando dende a educación’, do IES Luís Seoane, “por partir da necesidade de identificar actitudes e realidades discriminatorias, incidindo na necesidade de revisión e cambio activo das nosas condutas cotiás baixo o filtro da igualdade e do respecto, e por facer un traballo de reflexión profunda sobre sexualidade e liberdade no marco patriarcal e de análise crítica da prostitución e da pornografía”.

O acto de entrega dos Premios Ernestina Otero Sestelo estivo precedido pola presentación dunha nova Unidade Didáctica sobre Prevención das Violencias Machistas impulsada pola Concellería de Igualdade e baseada no libro ‘Invisibles. Relatos do maltrato’, de Montse Fajardo. Asemade, realizouse o visionado do vídeo ‘Violacións en cita’, da campaña municipal de prevención da violencia sexual ‘Sen o meu si, non’.

Unha actuación da poeta e actriz Baia Fernández serviu para poñerlle o ramo violeta ao evento.