Pontevedra en negro, libre de violencias machistas!

O Concello de Pontevedra adheriuse á 5ª campaña ‘En Negro Contra as Violencias’, baixo o lema ‘Pontevedra en Negro’ coa que pretendemos facer visible e poñer de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animamos ao sector do comercio e a hostalería e a todos os axentes sociais do noso municipio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro, Pontevedra en negro.

Propómosvos vestir de loito a nosa cidade, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte. Porque consideramos que tedes o protagonismo das rúas de Pontevedra, e sodes o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos Pontevedra libre de violencias machistas!

Do 18 ao 25 de novembro, viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado, etc. de negro, viste os manequíns, os manteis do teu restaurante, ou a ti mesmo/a de negro; nós facilitarémosche material e información que tamén compartiremos nas redes sociais.

Esta campaña desenvolverase conxuntamente con máis dun centenar de vilas e cidades galegas baixo o lema En Negro Contra As Violencias co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público, de toda a cidadanía.

Se queres participar só tes que chamar ao numero de teléfono 986 86 48 25 ou enviar un correo electrónico a igualdade@pontevedra.eu cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e telefono) e contactaremos contigo.

Mais información: https://ennegrocontraasviolencias.gal/