Exposición fotográfica “Desartellando o amor romántico”

As fotógrafas Beatriz Císcar, Cristina Saiz, Lorena Oliver e Cristina Pontanilla son as autoras das imaxes que comporán a exposición fotográfica itinerante Desartellando o Amor Romántico, impulsada pola Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra. A mostra, que será inaugurada o vindeiro martes 26 de novembro ás 12.00 horas na Praza de Ourense pola edil socialista Paloma Castro, foi concebida, segundo explica a propia concelleira, como “un espazo efímero urbano que tentará incidir na realidade dun problema cotiá que ofrece unha enganosa visión das relacións entre persoas: a nociva mitoloxía do amor romántico”.

En opinión de Paloma Castro, dentro do intenso programa de actividades reivindicativas e de concienciación organizado dende a Concellería de Igualdade co gallo do 25N, “a arte debe xogar un papel esencial á hora de ofrecer un novo punto de vista da realidade, neste caso para desbotar as falacias cotiás que, baixo o disfrace de normalidade, son semente da violencia machista”.

“Desartellando o Amor Romántico -apunta a edil do PSOE- fará fincapé no feito de que os celos non son sinais de amor, nin a realización vital dunha persoa pasa por atopar parella, nin a metáfora dunha relación debe ser un cadeado… A temática non é nova, a perspectiva si”.

O acto inaugural do martes contará coa presenza de Beatriz Císcar, Cristina Saiz e Cristina Pontanilla, que explicarán as súas respectivas olladas sobre a cuestión. Tal e como avanza Paloma Castro, a exposición permanecerá na Praza de Ourense ata o día 3 de decembro, data na que, con motivo das festas de Nadal, será trasladada á Gran Vía de Montero Ríos. “A idea -suliña Castro- é movela por diferentes puntos do municipio, tanto na rúa como en centros educativos, sociais e culturais. A seguinte localización podería ser a pasarela de Loureiro Crespo”.

A equipa creativa de Polo Correo do Vento tamén participou na xestación desta iniciativa, elaborando tanto o deseño do cartel como o texto que expresa a súa filosofía (que aparecerá nun dos cubos que se instalarán para expoñer as fotografías).