Formación en diversidade sexual e de xénero

A activista trans e licenciada en Dereito, Ada Otero, especialista en temas de xénero e violencia machista impartirá o vindeiro día 27 de novembro este curso formativo, promovido pola Concellería de Igualdade e enmarcada no Programa municipal Pinto e Maragota.

Este curso está orientado a formar e sensibilizar á Policía Local de Pontevedra no axeitado tratamento das vítimas de LGTBIfobia e de delictos de odio. Na xornada formativa, promovida pola Concellería de Igualdade no marco do programa municipal pola diversidade sexual Pinto e Maragota, abordaranse problemáticas como a situación xurídica do colectivo LGTBI, os prexuízos, o tratamento nos medios de comunicación, a situación das agresións LGTBIfóbicas e as actuacións fronte as súas denuncias.

O curso desenvolverase na Aula de Formación da Policía Local (na sede situada na rúa Alexandre Bóveda) en horario de mañá e terá unha duración dunhas tres horas, de 9.00 a 12.00 horas. Segundo explica a concelleira de Igualdade, a socialista Paloma Castro, “a actividade está destinada a persoal da Policía e do Centro de Información á Muller (CIM), así como a traballadoras e traballadores da área de Servizos Sociais.

Tal e como suliña a propia Otero, este curso “tenta ofrecer unha resposta á demanda dos profesionais de dispoñer de información actualizada e transversal, facendo fincapé non só na concienciación e explicación de conceptos básicos, senón tamén na necesidade de realizar un diagnóstico da situación e de darlles a coñecer os mecanismos legais actuais do colectivo LGTBI”. “Hai unha serie de problemáticas coas que os axentes da Policía Local se poden atopar no desempeño das súas funcións e esta xornada axudaralles a coñecer a que se enfrontan e como facelo”, afirma a activista trans.

Paloma Castro lembra que esta mesma semana ven de conmemorarse o Día da Memoria Trans (onte, mércores 22 de novembro), “en honor ás vítimas da represión franquista”, e que, “se ben a lexislación ten dado pasos de xigante, a plenitude de dereitos do colectivo LGTBIQ+ é aínda unha conta pendente da nosa sociedade”. “Actividades formativas como esta fanse imprescindibles para concienciar, sensibilizar e protexer os seus dereitos”, engade a concelleira.