“Con voz de muller”, talento feminino nas Festas de Verán de Pontevedra

Doce propostas artísticas protagonizadas por mulleres conforman o ciclo “Con voz de muller” que terá lugar entre os días 30 de xullo e 1 de agosto.

Música, teatro, narrativa oral ou ‘regueifas’ para poñer en valor o papel imprescindible das mulleres na transmisión da cultura galega e na riqueza do seu panorama artístico. 

As actuacións repartiranse entre a praza da Curtidoira, as pistas deportivas de Campolongo e a praza da Ferrería.

“Con voz de muller” arrancará o xoves 30 de xullo na praza da Curtidoira, ás 20.30h, coa obra de teatro Puedes llorar los viernes, na que a compañía pontevedresa 105 besos repasará a figura de diversos referentes femininos. Ás 21.00h, na Ferrería, ofrecerase o espectáculo poético de Aldaolado, no que as poetas Lucía Aldao e María Lado mesturan de maneira transgresora poesía con humor e música; mentres que ás 22.00h as pistas de Campolongo acollerán o concerto de Faia, que revisa os cantos tradicionais en clave contemporánea.

A artista galega Najla Shami, con raíces palestinas e arxentinas, abrirá os concertos do venres 31, ás 20.30h, na praza da Curtidoira. Impro ao chou será a proposta para A Ferrería, ás 21.00h; e ás 22.00h A Banda da Loba actuará nas pistas de Campolongo coa súa fusión de pop, blues, folk, rock e sons tradicionais.

O programa será dobre para o sábado 1 de agosto. Ás 12 do mediodía, a poeta Silvia Penas ofrecerá un recital de cantigas de amigo; ás 13.00h soarán as ‘regueifas’ no escenario da Ferrería da man de Lupe e Alba María; e ás 13.30h a cantautora MJ Pérez actuará nas pistas deportivas de Campolongo. Belén Tajes -que inicia carreira en solitario- ofrecerá un concerto ás 20.30h na praza da Curtidoira fusionando as súas raíces da Costa da Morte con sons arxentinos e, ás 21.00h, as Pandereteiras de Verducido deleitarán ao público coas súas cancións tradicionais revisitadas con ritmos de blues e rock and roll na Ferrería.

A compañía teatral Chévere porá o ramo ao ciclo “Con voz de muller” a través da súa ‘spin- off’ As fillas bravas, homenaxeando ás mulleres rurais e á cultura que herdamos delas, ás 22.00h nas pistas de Campolongo.

Os espectáculos durarán unha hora. O público asistente deberá permanecer sentado todo o tempo, agás para abandonar o recinto