Pontevedra conmemora o Día contra a Explotación Sexual coa curta ‘Biografía del cadáver de una mujer’ de Mabel Lozano

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos, a Concellería de Igualdade celebrará o vindeiro 23 de setembro un cinefórum que busca visibilizar e denunciar a realidade deste escuro negocio e que volverá protagonizar Mabel Lozano. A escritora, directora de cine e actriz, que xa estivo na sede de Afundación en Pontevedra en 2019 nesas mesmas datas para presentar o seu documental ‘El proxeneta. Paso corto, mala leche’ e participar nun coloquio, regresará nesta ocasión para protagonizar un cinefórum no que será presentado a súa nova curta documental ‘Biografía del cadáver de una mujer’, que até o momento só foi visionada en festivais nacionais e internacionais e que vén de gañar o Premio do Público no Skyline Benidorm Film Festival.

Segundo salientou esta mañá a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, durante o acto de presentación da iniciativa, “isto significa que o pase que terá lugar o mércores 23 no Teatro Principal ás 20:00 horas vai ser a estrea da súa curta a nivel estatal”. Máis aló da honra de volver contar con Mabel Lozano e coa súa obra en Pontevedra, a importancia deste cinefórum, que incluirá un coloquio coa autora, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e a deputada provincial de Igualdade, Vicky Alonso, radica no obxectivo de concienciar e denunciar o inferno que sofren as mulleres en todo o mundo e que supón a forma de violencia de xénero máis extrema.

En opinión de Yoya Blanco, “non podemos perder de vista que a defensa dos dereitos humanos é incompatible coa trata de persoas, que ao mesmo tempo alimenta o mercado da prostitución de mulleres, nenas e nenos en todo o mundo”. “É unha lacra global -asegurou a socialista- que terá que ser afrontada por gobernos e lexisladores conxunta e transversalmente para conseguir a súa erradicación e abolición. Como tampouco podemos esquecer que a trata de persoas con fins de explotación sexual é un fenómeno transnacional. É crime organizado. É mafia”.

Para a concelleira de Igualdade, “institucións e cidadanía teñen que posicionarse claramente contra a explotación e exixir aos gobernos medidas máis contundentes para perseguir aos criminais e dar protección e axuda ás vítimas”.