Pontevedra xa está vestida de negro en contra da violencia machista

Pontevedra puxo en marcha hoxe a campaña “Pontevedra en negro” “En negro contra a violencia” na que vai de man con moitos máis concellos de Galiza, e que consisten en dotar a todos os comercios da cidade de material propio da campaña para que até o 28 de novembro manteñan os seus escaparates de loito pola violencia machista.

O alcalde e a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces visitaron esta mañá a rúa Rosalía de Castro, unha das moitas que nestes días denunciarán a violencia machista. Até o de agora sumáronse a esta campaña 178 comercios en Pontevedra.

Conchi Pereiro, como representantes dos comercios de Rosalía de Castro, explicaba esta mañá que “é moi grave o que está a pasar na sociedade. Temos unha sociedade enferma”, e a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces explicaba que a campaña “é un berro silencioso en contra da violencia que se sufre contra as mulleres. Queremos convidar á reflexionar que tipo de sociedade queremos e que podemos achegar cada un de nós para que esto non siga acontecendo”.

Pola súa banda, o alcalde manifestou que “no século XXI non é de recibo que exista unha violencia  machista que destroza a moitas mulleres”. Lembrou que “esto vén de moi vello. Está moi interiorizado nos roles que desempeñaron os homes e mulleres na historia. Temos todos responsabilidade. E temos que lograr visibilizar que a sociedade respecte a igualdade de todos, o dereito das mulleres de decidir en todos os aspectos da vida”.

COMPARTIR