As políticas públicas de igualdade teñen como finalidade garantir que mulleres e homes poidan participar de forma igualitaria en todos os ámbitos da vida, constitúen unha serie de obxectivos, medidas e decisións adoptadas polas institucións públicas para fomentar a igualdade entre mulleres e homes coa finalidade de mellorar a situación e posición das mulleres na sociedade. Teñen como finalidade actuar intencionadamente sobre as estruturas que sosteñen as desigualdades co obxectivo de acabar coas discriminacións de xénero e garantir un modelo social baseado en parámetros de igualdade.
Salientar que o Concello de Pontevedra posúe unha ampla traxectoria na posta en marcha e desenvolvemento de políticas de igualdade, destacando os catro plans de igualdade anteriores, así como a posta en marcha de servizos e recursos específicos dirixidos ás mulleres entre os que destacamos o Centro de Información á Muller, servizo de referencia que proporciona información e asesoramento ás mulleres, dirixido á fomentar a igualdade real das mulleres.
O 5º Plan de Igualdade Local de Oportunidades de Mulleres e Homes do Concello de Pontevedra será o instrumento de acción política que guiará as políticas de igualdade deseñadas para o período 2022-2026. Fundaméntase na experiencia adquirida polo Concello no desenvolvemento dos anteriores plans de igualdade e nos resultados das avaliación realizadas, así como no proceso de participación que permitiu contextualizar as propostas que nel se realizaron. Pretende dar continuidade ao traballo xa emprendido ao abeiro do 4º plan de igualdade ao tempo que irá poñendo en marcha novas accións que teñen como obxectivo fomentar a principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na localidade. Polo tanto, neste plan atoparemos intervencións que xa se viñan desenvolvendo en anos anteriores xunto con outras que se levarán a cabo por primeira vez.
Consulta aquí os plans de igualdade do Concello de Pontevedra: