Lugar:
Teatro Principal de Pontevedra
Datas:
Venres 13 e Sábado 14 de marzo
Xornada presencial, retransmitida en directo vía streaming
O encontro conta con servizos de interpretación en lingua de signos
Este 13 e 14 de marzo de 2026 volven as #MulleresQueOpinan ao Teatro Principal de Pontevedra. Chegamos á novena edición sendo un foro xa consolidado e co obxectivo sempre necesario de poñer o xornalismo no centro para reivindicar o papel fundamental que, nestes tempos de desinformación e información interesada, teñen os medios de comunicación e as profesionais que exercen este oficio en prensa, radio e televisión.
Ademais, nesta nova edición sentimos que comeza unha segunda etapa do foro despois da celebración compartida en outubro por chegar a 100 mulleres convidadas desde 2018, sumando un diario de opinións e un documental á memoria e historia deste proxecto. Nesta segunda etapa, queremos que a rede de xornalistas e de confianza construída entre as profesionais participantes, a organización e o público sexa protagonista. Por iso, este ano levamos ao cartel o que tantas veces dicimos que é #MulleresQueOpinan: unha rede e unha comunidade. Iso tradúcese en contar con profesionais que as convidadas doutras edicións nos recomendaron despois de estar aquí, tendo claro que esas compañeiras de profesión que elas coñecen teñen o perfil do noso foro e do noso público. Á súa vez, as nosas relatoras recomendáronlles ás súas compañeiras de profesión vir a Pontevedra e formar parte da rede #MulleresQueOpinan.
Outra das novidades desta nova etapa é que “desvirtualizaremos” as profesionais que participaron en liña nas edicións pandémicas de 2020 e 2021. Todo isto mantendo a responsabilidade de sermos fieis aos sinais de identidade do foro: rodearnos de referentes da profesión para reivindicar o camiño andado por elas ata a actualidade; protagonismo para as profesionais locais e galegas; relatorios pendentes da actualidade; temáticas novas que non estiveran presentes nas edicións anteriores; inaugurar coas gañadoras do noso Premio de Opinión Mulleres que Opinan; mesturar rostros coñecidos con outras mulleres profesionais que fan un gran traballo moi especializado; e xornalismo social.
Nesta novena edición escoitaremos un total de catorce profesionais de diferentes perfís e medios de comunicación para seguir amosando que este foro pontevedrés é o punto de encontro necesario para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión.


Alba Chaves Abelleira (Pontevedra, 1995)
Alba Moledo Ucha (Pontevedra, 1994)
Andrea Proenza Zoroquiain (Pamplona, 1996)
Carmela Ríos Calvo (Las Palmas, 1956)
Diana López Varela (Pontevedra, 1986).
Dores Tembrás Campos (Bergondiño, 1979).
Ebbaba Hameida Hafed (campamentos de persoas saharauís refuxiadas en Tinduf, 1992)
Eva Vázquez Lima (Pontevedra, 1972)
Fátima Frieiro Santaya (Carracedo, Caldas de Reis, 1983)
María Helena Resano Lizaldre (Pamplona, 1974)
Isabel Coello Cremades (Madrid, 1973)
Nieves Domínguez Amil (Chapela, Redondela, 1979)
Rebeca Yanke García (Bilbao, 1978)
Remedios Zafra Alcaraz (Zuheros, Córdoba, 1973)
Sara Morales Fuentes (Zaragoza, 1983)
Susana Pedreira Buján (Vitoria-Gasteiz, 1983)