Foi profesora da Escola Normal de Maxisterio de Pontevedra entre 1915-1936, e entre 1951-1956
Nace en Redondela en 1890. Ao rematar os estudos primarios na súa vila natal, cursa a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra (1904-1908), onde obtén o grao de “Maestra superior” coa calificación de sobresaliente.
En febreiro de 1915 accede por concurso de méritos á praza de Profesora de Pedagoxía da Escola Normal de Pontevedra, no vello edificio do antigo colexio dos xesuítas, onde ela mesma fixera os seus estudos de maxisterio.
Establece o domicilio familiar na Boa Vila, e coa proclamación da Segunda República, Ernestina Otero é unha das persoas máis idóneas en Pontevedra cara a posta en marcha da reforma educativa. Involúcranna en numerosas iniciativas e confíalle un certo tempo a dirección da Escola de Maxisterio (Escola Normal), e asume a presidencia do “Consejo provincial de Primera Enseñanza” do que forma parte durante catro anos.
En febreiro de 1933 apoia o manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia.
Co levantamento militar de 1936 comezan as denuncias e persecucións en toda a súa contorna familiar e de amizades, e no mes de novembro é suspendida de emprego e soldo, figurando na primeira listaxe de depuración do distrito universitario de Santiago, na que aparecen, tamén, entre outros, Castelao e Tafall. En xuño do ano seguinte, o BOE recolle a orde pola que é separada definitivamente da súa cátedra.
Xa en 1951, malia non se ter dobregado á situación política imperante, permíteselle participar nun concurso de traslados que a devolvería a súa inesquecible Pontevedra, mesmo naqueles escuros anos, cunha Normal totalmente distinta a aquela que tivera que deixar e un claustro no que ela se sentiría, dalgún xeito, allea.
Para Herminio Barreiro, catedrático de Historica de Educación da Universidade de Compostela, alumno dela nesa etapa, “na Escola Normal de Pontevedra dos anos cincuenta, e xa ao final da súa carreira, Ernestina Otero era a representación máis auténtica do vello espírito renovador da Institución Libre de enseñanza de Giner y Cossio, e da mellor tradición innovadora republicana. Nas súas clases citábanse como un murmurio, nomes non recollidos nos libros de texto oficiais ou experiencias pedagóxicas como a Escola Nova da que ela foi fiel seguidora”.
Biografía de Ernestina Otero