Lugar:
Edificio Castelao, Museo de Pontevedra
Datas:
Venres 10 de xuño, de 11 a 19 h
Sábado 11 de xuño, de 12 a 19 h
Xornada presencial, retransmitida en directo vía streaming
O encontro conta con servizos de interpretación en lingua de signos
“O 10 e 11 de xuño volven a Pontevedra as sesións presenciais do Encontro de Mulleres Xornalistas ‘As mulleres que opinan son perigosas’.
A pandemia obrigou a celebrar as pasadas xornadas de xeito online. Por iso, esta quinta edición leva o subtítulo de ‘4 anos e unha pandemia despois’, tema que estará moi presente nos diferentes relatorios.
Na que supón a edición máis ambiciosa ata o momento, participarán un total de 18 xornalistas, once que se achegan ás xornadas por primeira vez e sete que repiten. Precisamente o feito de volver a contar con profesionais que participaron en anteriores edicións facilitará o diálogo sobre o que supuxo a pandemia para o xornalismo e as diferenzas con respecto ao momento da súa intervención anterior.
Dúas profesionais con longa traxectoria serán os nomes de referencia nesta edición: Mamen Mendizábal, xornalista e presentadora de televisión que acaba de rematar a primeira tempada do seu programa en La Sexta ‘Encuentros Inesperados’, pechará a xornada do venres coa conferencia Un encontro moi esperado; e Mercedes Milá, xornalista e presentadora de televisión con programas propios en Movistar+ como ‘Scott y Milá’ e ‘Milá vs Milá’, será a encargada de poñer o colofón a dous intensos días de relatorios o sábado coa conferencia titulada Mila vs. Milá. Sen complexos nin etiquetas desde 1974.
Debido a que o Teatro Principal se atopa en obras, a sede trasládase ao Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do auditorio que, dada a súa limitación, recoméndase que se realice a inscrición previa na páxina habilitada. Esta inscrición permitirá obter un exemplar do libro Catro anos e unha pandemia, que a través de crónicas xornalísticas reflexiona coas protagonistas da primeira edición sobre o eco de ese evento.
‘As mulleres que opinan son perigosas’ poderá ser seguido desde a entrada do Edificio Castelao cunha gran pantalla habilitada. Neste espazo, a libraría Cronopios instalará unha mesa de venda de libros das diferentes relatoras que tamén asinarán exemplares dos mesmos.
Así mesmo, realizarase unha transmisión en streaming a través das canles do Concello de Pontevedra e da Deputación, institucións que a través dos seus equipos de Igualdade apoian este evento desde os seus comezos.
O que non cambia con respecto de edicións anteriores do Foro son varios dos nosos sinais de identidade como o protagonismo das profesionais galegas e a incorporación de temáticas novas de actualidade como a saúde mental e a crítica de cine”