Lugar:
Teatro Principal de Pontevedra
Datas:
Venres 17 e Sábado 18 de marzo
Xornada presencial, retransmitida en directo vía streaming
O encontro conta con servizos de interpretación en lingua de signos
En marzo de 2018 celebramos en Pontevedra o foro que foi antesala dun 8M histórico. Aquela primeira edición de “As mulleres que opinan son perigosas” (2 e 3 de marzo 2018) naceu como un berro colectivo contra o machismo no columnismo de opinión, pero acabou sendo un foro de debate sobre xornalismo, perspectiva de xénero e o papel das mulleres xornalistas no pasado, presente e futuro da profesión. Durante dous días o Teatro Principal pontevedrés completou o seu aforo con centos de mulleres e homes que quixeron escoitar ás relatoras convidadas, columnistas galegas e do resto do Estado.
Conseguimos ser Trending Topic nacional en twitter co hashtag #MulleresQueOpinan e os vídeos almacenados na canle de youtube da Deputación e do Concello de Pontevedra suman miles de visualizacións. Son datos que confirman o éxito daquel foro que se revelou como punto de encontro necesario para visibilizar ás mulleres xornalistas e seguir reivindicando o espazo que merecen na profesión.
Máis de sesenta mulleres profesionais do xornalismo e da comunicación estiveron en Pontevedra desde 2018 e forman parte da rede “As mulleres que opinan son perigosas”, unha marca de referencia, compromiso e calidade no xornalismo de opinión. Ademais, este encontro é agora moito máis do que se propoñía na primeira edición porque nestes anos amosamos que tamén son perigosas as mulleres que informan, as que presentan, as que dirixen medios e deciden axenda, as que entrevistan, as que son correspondentes internacionais, as que ilustran e as que crean contido para redes. Son perigosas as mulleres que descobren a outras mulleres, tecen redes e fan do xornalismo unha resistencia feminista.
Pero aínda temos moito que contar. Conquistar o espazo público e mediático é tarefa fundamental da perigosidade feminina. Por iso, o 17 e 18 de marzo de 2023, cinco anos despois, volvemos ao Teatro Principal cun foro xa consolidado como cita de referencia fóra e dentro de Galicia. Nesta sexta edición escoitaremos a trece profesionais de diferentes perfís para reivindicar que estamos aquí e non hai marcha atrás porque somos necesarias.