Arredor dun cento de rapaces integran xa os Consellos da Muller Nova nos institutos da cidade

Nesta semana afrontan unhas xornadas formativas na radio universitaria do campus: radio Escaparate, na que aprenderán a empregar a linguaxe radiofónica para transmitir os traballos que vaian elaborando ao longo do curso.

Está previsto que cada mes fagan un programa especializado nun tema e ao que convidarán a un persoeiro expertos para abundar na materia que se tratará como o amor, a muller no traballo, a muller no deporte…

A Rede escolar de Consellos da Muller Nova nos institutos do concello constituíuse o pasado mes de outubro con sete institutos implicados, 98 alumnos e alumnas e arredor de 15 docentes. Forman parte desta rede todos os institutos do concello A Xunqueira I, A Xunqueira II, o centro de formación profesional A Xunqueira, Sánchez Cantón, Torrente Ballester, Frei Martín Sarmiento e Calasancias.

Durante estes meses os Consellos realizaron distintas actividades como unha xornada de formación para profesorado e unha auditoría sobre igualdade nos centros. Agora comeza cunha nova etapa de formación na que colabora a Universidade de Vigo explicándolles como facer radio. Serán tres xornadas que comezan hoxe e rematarán o venres en quendas de 16.00 a 18.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas.

Logo de constituírense, os Consellos arrancaron o pasado 25 de novembro, coa celebración dunha primeira acción formativa destinada aos docentes. Foi unha xornada de formación á que asistiron arredor de 50 profesionais da ensinanza.

Paralelamente, neste primeiro trimestre do curso, fíxose unha auditoría de cada centro participante. Os axentes de igualdade do centro seguiron unha plantilla facilitada polo Centro de Información á Muller coa que se trata de coñecer a situación de igualdade que vive o centro. Estas auditorías xa están rematadas, e as contestacións están sendo analizadas polo CIM.

Obradoiros de formación

O seguinte paso a dar pola Rede escolar de Consellos da Muller Nova son obradoiros de formación para o alumnado e o profesorado que integran os Consellos, por parte da Facultade de Comunidación Audiovisual do Campus de Pontevedra, a través da súa radio universitaria: Radio Escaparate.

Nestes obradoiros ensinaranlles aos alumnos e profesores a empregar este medio de comunicación e a linguaxe radiofónica como ferramenta de transmisión do traballo que se vaia desenvolvendo en cada un dos Consellos ao longo do curso.

A partir do mes de febreiro e até final de curso, realizarase unha terceira parte da programación que consistirá en elaborar programas radiofónicos mensuais sobre diversos temas como o amor, a muller no traballo, o deporte, os medios de comunicación… Os estudantes disporán de relevantes persoeiros en todos estes campos para abordar con eles o trato igualitario de homes e mulleres nos distintos eidos, e poderán plasmar todo ese traballo de recolla de información, impresións, tratos… neses programas radiófonicos.

Todos os traballos iranse subindo á rede en forma de potscads.

Obradoiros hoxe e mañá

O primeiro obradoiro comeza hoxe mesmo. Nel participarán 37 alumnos dos IES A Xunqueira I, A Xunqueira II, CIPF A Xunqueira e IES Luís Seoane, que recibirán a formación na emisora de radio da facultade.

O xoves e venres, arredor de 40 alumnos de Calasancias, Sánchez Cantón, Torrente Ballester e Frei Martín Sarmiento, tomarán o relevo. En total, forman parte dos Consellos da Muller Nova 98 mozas e mozos, polo que será preciso outra quenda de formación para completar todos os eidos.

Cabe lembrar que o Concello de Pontevedra e a Consellería de Educación acordaron o pasado mes de xuño pór en marcha a Rede escolar de Consellos da Muller Nova nos institutos da cidade, un proxecto innovador e xenuíno de Pontevedra, e único en Galicia. É un órgano de debate, formación, reflexión e proposta arredor da igualdade e da loita contra a violencia machista no que os protagonistas son as mozase mozos.

A Consellería acordaba pór a disposición do programa a profesorado interesado en participar, ofrecéndolle horas libres para que se poideran adicar ao proxecto, e o Concello, pola súa banda, é o encargado de dar a formación en igualdade ao alumnado e profesorado, programando actividades e impulsando a participación.

A experiencia foise constituíndo paseniñamente para lograr os seguintes obxectivos:

  • crear un órgano vivo e dinámico para tratar as cuestións de xénero, igualdade e equidade nos centros educativos de secundaria.
  • formar ao alumnado para que sexan eles e elas os verdadeiros axentes de igualdade e facer así unha educación entre pares. O profesorado é guía no proceso pero o protagonismo é do alumnado, que será o artifíce da transformación no seu centro.
  • trasladar a fóra do centro, o traballo que se fai, provocando que a onda expansiva da educación alacance ao maior número de persoas posible.
COMPARTIR