Arranca o programa ‘Namórate de ti” de autoestima e empoderamento a través da fotografía

Fomentar a autoestima e o empoderamento feminino empregando a imaxe e a fotografía como ferramenta é o principal obxectivo do programa ‘Namórate de ti’, impulsado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra da man da animadora sociocultural Tegra Gómez e da fotógrafa e creativa Patricia Maquieira. O proxecto abrangue un obradoiro gratuíto e unha exposición fotográfica nos escaparates das tendas da nosa cidade e está dirixido principalmente a mulleres desempregadas, en situación de vulnerabilidade, vítimas de violencia de xénero ou en risco de exclusión social.

A iniciativa foi presentada onte nun acto no que participaron, ademais de Gómez e Maquieira, a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, e dúas mulleres que xa asistiron a un curso anterior. Segundo expuxo a edil do PSOE, o programa ten a finalidade de que as participantes “aprendan a quererse e valorarse a si mesmas, axudándolles a reforzar a súa autoestima e autoconcepto, ao tempo que promoverán a súa unión social e cooperación grupal”. 

Ao longo de catro xornadas, con doce horas en total de duración, desenvolverán sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar o empoderamento e a autoestima, nas que guiarán a estas mulleres para que aprendan ferramentas de control do estrés mediante a expresión corporal, verbal e escrita.

Este obradoiro terá lugar na Casa Azul os días 3, 5, 9 e 11 de novembro en horario de 10:00 a 13:00 horas. As interesadas en participar xa poden inscribirse no teléfono 986 86 48 25 ou na dirección de correo electrónico ‘igualdade@pontevedra.eu’. Por mor da Covid-19 o curso ten un límite de oito prazas.

A experiencia rematará cunha exposición fotográfica nos escaparates das tendas dunha rúa de Pontevedra aínda por determinar. As participantes no obradoiro serán as encargadas de seleccionar as fotos que conformarán a exposición, así como de elaborar os textos que as acompañen.

En opinión de Maquieira, outro dos valores esenciais do programa é o de xerar un vínculo entre tódalas mulleres, de cara a crear “máis redes de mulleres que se queiran moito, se empoderen e se liberen de prexuízos”.

A axente de Igualdade Mercedes Renda indicou que esta actividade está aberta “a mulleres desempregadas ou en calquera situación de vulnerabilidade, pero dende o CIM derivamos e recomendamos especialmente este obradoiro a mulleres que sofren violencia de xénero, xa que non é simple curso de fotografía, senón que nel se traballan aspectos transversais importantísimos e se traballan en grupo, en rede”. Ao seu xeito de entender, “funciona como unha especie de terapia de grupo no que se abordan conceptos como o amor propio ou a parte física da expresión corporal que serve para rachar cunha violencia estrutural que as mulleres sofremos cos nosos corpos”, e tamén como “unha rede de sororidade, de apoio e de comprensión entre mulleres”.

Segundo testemuñou Mer Paratcha, unha muller participante anteriormente nos talleres, trátase dunha experiencia que lle resultou “moi fortalecedora” e que permite afrontar cuestións como “a falta de autoestima, o arma que teñen para manterte maltratada, humillada e sen traballo”. “Este curso supuxo un punto de inflexión para min. O traballo segue, pero as ferramentas que che dan son incribles e ademais te levas unha familia, porque a ‘piña’ que fas coas compañeiras é brutal. É certo que son poucos días e que sería perfecto que durase máis e tivese máis días, pero temos un grupo de whatsapp desta familia e nós seguimos en contacto todo o ano, entre nós e co CIM”, asegurou.

Neste mesmo sentido, outra das participantes, Ángela Casal, admitiu que, aínda que se anotou “toda convencida pensando que era un curso de fotografía”, foi “unha experiencia marabillosa na que axudas e te axudan, que debería facerse máis e máis a miúdo”. “Non son moi de falar, porque pronto me emociono -afirmou visiblemente emocionada-, pero teño que dicir que me parece un proxecto moi bo para as mulleres e que sen dúbida repetiría”.