Volven as charlas de TransFormando o Mundo aos centros de ensino

Hoxe arrancou no Torrente Ballester unha nova xeira de actividades de “TRANSformando o Mundo” nos centros de ESO e Bacharelato da cidade. A partir da súa obra “Identidade”, Nee Barros Fernández achegou á rapazada, a través de dinámicas participativas, conceptos e ideas do ámbito da identidade de xénero, da orientación sexual e do colectivo LGBTQIA+.

Trátase da continuación dunha iniciativa que xa se desenvolveu no mes de xuño nos CIFP Montecelo e Carlos Oroza e nos IES Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane e Sánchez Cantón, percibíndose unha importante demanda tanto por parte do alumnado como do profesorado de accións formativas e informativas arredor da diversidade de sexo e xénero.

Identidade é unha obra de teatro xuvenil que trata a temática da diversidade, da liberdade e da realidade trans. Nesta actividade, despois da visualización dun vídeo (https://www.youtube.com/watch?v=Cf79KXBCIDg) establecerase unha conversa co alumnado a través de preguntas sinxelas e sen xulgar as súas respostas (“Como explicariades o que acaba de ocorrer en pantalla? Que vos parece? Vivistes algunha vez unha situación semellante?”). Partindo das respostas, o autor da obra, Nee Barros Fernández, explicará conceptos básicos da realidade LGBT relacionándoos coa súa obra, sempre a xeito de conversa e buscando a interacción.

Na segunda parte da charla, o alumnado será o encargado de facer as preguntas. Como a man alzada será difícil logralo, cada persoa terá que escribir algo nun papel, algo breve que levará a que as dúbidas concretas sexan resoltas. Ademais, o anonimato motivará a perda de vergoña, obtendo así mensaxes mais reais; tanto positivas como negativas. Non serán criminalizadas estas últimas, senón que se pedirá ao alumnado que desmonte as opinións discriminatorias, quedando así os conceptos máis asimilados e traballando a exposición de opinións críticas en alto.