O programa de actividades deseñado neste ano marcado pola pandemia arrancará mañá co despregue dunha lona co lema central no balcón da Casa Consistorial e o inicio dunha orixinal campaña gráfica con carteis circulares en cor negro e morado en diferentes rúas da cidade, nos que poderán lerse unha morea de consignas inspiradas no movemento feminista e nas manifestacións do 25N de 2019.
Baixo o lema central ‘Xa abonda de minutos de silencio’, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra volverán alzar a voz para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, converténdose “no berro das que non teñen voz” e reivindicando que a loita feminista continúa máis viva que nunca “por nós, polas que virán, polas que xa non están”.
Tanto o despregue da lona como a campaña gráfica coa instalación dos carteis con diferentes lemas pretenden “simbolizar a alianza do feminismo institucional co activismo feminista e, nun ano no que as restricións impostas por mor da pandemia do coronavirus dificultarán a realización das mobilizacións masivas dos últimos anos, levar á rúa os berros e as reivindicacións en contra das múltiples violencias que sufrimos as mulleres pola razón de selo”. “Os carteis da campaña gráfica -aclarou- colocaranse esencialmente nos contornos de colexios, institutos e Campus Universitario, e máis en concreto nas rúas Celso Emilio Ferreiro, avenida de Compostela, 12 de Novembro, Joaquín Costa, Benito Corbal e avenida de Bos Aires”.
O programa, que inclúe un Obradoiro de Autodefensa Ciberfeminista e o xa iniciado ‘Namórate de Ti’, foi presentado onte pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, quen anunciou que “o manifesto deste ano será redactado pola xornalista Sara Vila Alonso, galardoada en 2019 co premio ‘Comunicar en Igualdade’ polo traballo ‘O noso toque de queda’ e que loita día a día dende o seu posto no Diario de Pontevedra pola erradicación das violencias machistas, a defensa das vítimas e a colaboración co CIM”. Blanco asegurou que “se a situación sanitaria e as restricións o permiten, farase unha lectura pública dese manifesto o propio día 25 novembro a mediodía, nun espazo aberto, de xeito que, cumprindo coas distancias e con tódalas medidas de precaución, a cidadanía que o desexe poida sumarse ao acto”.