Hoxe comezaron as actividades de Pinto e Maragota polos institutos de Pontevedra co “A nosa memoria tamén é diversa”. A investigadora e activista trans Daniela Ferrández achegou á rapazada de 4º A e 4º D do IES Sánchez Cantón parte da historia invisibilizada do colectivo LGBTIQA+ en Galiza, desde o casamento de Elisa e Marcela ata a primeira manifestación do colectivo no país, en Vigo no 1981.
Ao longo das vindeiras semanas levaremos esta actividade por outros centros como o IES Valle Inclán, o CIFP A Xunqueira, IES Frei Martín Sarmiento e IES XUNQUEIRA I.
Durante estas palestras a historiadora exporá o seu traballo de investigación sobre a memoria do colectivo LGBTIQA+ en Galicia, que publicou co título “A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea”. O libro, editado por Xerais, foi galardoado co Premio Follas Novas á mellor obra de ensaio e de investigación de 2022.