Programa de actividades co gallo do 25 de Novembro 2021

Pontevedra centrará a súa pogramación polo 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, en denunciar a violencia vicaria que sofren as mulleres a través das súas crianzas.

“Acordaraste toda a vida!”, “Vaste enterar!”, “A culpa é túa!”, “Mala nai!”… “Vouche dar onde máis doe!”. A violencia vicaria é unha das expresións máis crueis e brutais do terrorismo machista. Concienciar á sociedade sobre este ensañamento e coacción que se exerce contra as mulleres, en moitos casos con consecuencias mortais, e reivindicar a necesidade de plantarlle cara son os principais obxectivos da campaña impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A contundente mensaxe, plasmada a nivel creativo pola artista Tania Solla, visibilizarase graficamente nas rúas da cidade e os centros sociais das parroquias a través de mupis e cartelería, así como do despregue dunha pancarta no balcón da Casa Consistorial este mércores 10 de novembro ás 10:30 horas.

O programa da campaña, que foi presentada este luns na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; a directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda, contempla a celebración dun Faladoiro sobre Violencia Vicaria, que terá lugar o mércores 24 de novembro ás 19:00 horas na Casa das Campás, e a lectura do manifesto do Concello no Pleno ordinario deste mes (22 de novembro) e no acto de Violencia Zero organizado pola Deputación Provincial o 25 de novembro, que correrá a cargo da filla dunha vítima de violencia de xénero.

Tal e como avanzou a edil socialista, a dramaturxia terá este ano moito protagonismo, xa que “o Principal será o xoves 18 de novembro pola mañá escenario dun pase da obra de teatro #2Pilgrims, de Redum Teatro (con Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo), e dun coloquio posterior, destinado a institutos de Pontevedra (abrirase ao público en xeral no caso de que sobren butacas); e o martes 23 de novembro ás 21:00 horas doutro pase gratuíto da obra Invisibles, da mesma compañía teatral, gañadora de tres Premios de Teatro María Casares”. 

O programa complétase cunha exposición fotográfica do obradoiro Namórate de Ti en 16 comercios situados nas rúas Castelao e Cruz Gallástegui o venres 12 de novembro e un Curso de Autodefensa para mulleres que se desenvolverá o sábado 11 de decembro na Casa Azul en dúas sesións de mañá e tarde.