Campaña 2013

O Concello de Pontevedra aposta, nesta ocasión, por unha postura reivindicativa da figura da muller e de denuncia da situación actual da muller. A programación do Concello para esta ocasión é:

  • A Asociación de Mulleres Cristiás Galegas e de Xeria que proxectará a longametraxe “Señora de…” premio na sección histórica na mostra de cine de Valladolid.
  • 8 de marzo. 19.30 horas. Praza 8 de marzo. Lectura do manifesto do Concello de Pontevedra con motivo do Día da Muller Traballadora. O manifesto foi eleborado (e será lido) por todos os estudantes que participaron no Club de Debate 2013.
  • 8 de marzo. 20.00 horas. Teatro Principal. Representación a cargo do grupo de teatro afeccionado Avelaíña “Maríacastaña”.
  • 9 de marzo pola mañá. Acción de rúa “Escaparate de xénero” desenvolta pola compañía Chévere. Son pequenas representacións teatrais (de 10 ou 15 minutos) en escaparates das rúas Michelena, Oliva, Peregrina e Soportais, co propósito de visibilizar a situación da muller.

O 8 de marzo celebramos o Día da Muller Traballadora. En 1910 no marco da II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, reunida en Copenhague, proclamouse o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. Deste xeito o feminismo socialista daba outro xiro á loita pola igualdade de dereitos das mulleres iniciada polas sufraxistas americanas e británicas. Agora ademais do dereito de voto e do dereito a ocupar cargos públicos as mulleres socialistas reclamaban o dereito ao traballo e á non discriminación laboral.

Esta proclamación era a culminación dunha longa etapa do protofeminismo que dera comezo na revolución francesa e nas revolucións liberais do século XIX nas que se reclamaba que a igualdade civil, xurídica e política alcanzara tamén á muller. Figuras como Olimpia de Gouges ou Mary Wollstonecraft protestaron, máis non foron escoitadas. En 1848, unha asemblea de mulleres reunidas en New York esixiu o dereito ao voto. Como consecuencia disto, nos anos 60 do s. XIX, xurdiu en varios países o movemento sufraxista. Emmeline Pankhurst coas súas folgas e accións que conmocionaron a opinión pública deulle un aire máis combativo. Co novo século serían as mulleres socialistas as que lle darían un carácter máis obreiro ao feminismo. A morte de 140 mulleres en 1911, en Nova York, nun incendio provocado cando protestaban polas malas condicións laborais nas que traballaban na fábrica de camisas Triangle, non fixo máis que confirmar o duro camiño que lle quedaba ás mulleres na súa loita pola igualdade económica, social e cultural.

Hai que lembrarse tamén da faceta da defensa dos dereitos das mulleres por parte de intelectuais coma Rosalía de Castro na súa obra literaria ou políticas coma Clara Campoamor, que conseguiu o dereito ao voto das mulleres en España na II República ou a activista de raza negra Rosa Parks que coa súa persistencia acendeu a mecha da loita pola igualdade de dereitos das persoas de cor nos Estados Unidos. As tres son exemplos senlleiros a destacar na loita pola igualdade de dereitos.

Sería moi importante superar os desequilibrios sociais e acadar un grao total de igualdade. Ese debe ser o propósito para un futuro no que a todas as persoas, mulleres e homes, se lles valore do mesmo xeito e se acaben as discriminacións salariais, malia desenvolver os mesmos traballos. Débense superar todo tipo de prexuízos de cara ás mulleres á hora de acceder a un posto de traballo e que certos condicionantes como ser nai dunha vez por todas non sexa un impedimento para conservar ou obter un posto de traballo.

Na actualidade os medios de comunicación continúan a ofrecernos unha visión discriminatoria e sexista da muller. Decote se erguen ao noso arredor exemplos de desigualdade, estereotipos e condutas machistas. Na publicidade emprégase unha imaxe da muller baseada en roles tradicionais e nos medios está moi presente a percepción desta como un obxecto sexual. Asemade as profesionais do ámbito das comunicacións son a miúdo valoradas polo seu físico e non polas súas capacidades.

Existen moitos casos de discriminación na televisión, xornais ou Internet que potencian a difusión de actitudes tremendamente sexistas. Nós somos unha mocidade consciente da gran capacidade de influencia que teñen estes medios. Denunciamos así a importancia de corrixir a visión que ofrecen da muller para que no futuro contribúan a afianzar os principios de igualdade que desexamos para a nosa sociedade.

Na sociedade actual a muller, en principio, desenvolve un papel igual que o do home, porque supostamente, despois de moitos anos de marxinación, a muller e o home, salvando as diferenzas físicas, son iguais en todos os aspectos. Desgraciadamente aínda segue existindo xente que considera as mulleres inferiores aos homes dende unha perspectiva social.

Queremos que se nos escoite. As mulleres son tamén parte da sociedade, ademais non queremos convivir con esta situación de discriminación nin un día máis. Se os namorados non so o están o 14 de febreiro, os dereitos da muller no só deben ser reivindicados o 8 de marzo. Debe ser unha loita diaria pola igualdade.

Non é certo que as desigualdades entre as mulleres e os homes estean borradas. Non é certo que vivamos nun estado de igualdade, cando ás mulleres se lles permite o coidado dos seus fillos e os homes teñen menos facilidade para coller unha baixa por parternidade.

Se non poñemos á mesma altura as posibilidades do home e da muller, estamos entón a dar unha imaxe da muller que é de traballar na casa e só na familia. Chegados ao século XXI, non debería haber unha imaxe da nai e do pai, de feito externo (non referida á diferenza entre unha nai e un pai para os fillos), igualitaria?

Se pensamos nas nosas devanceiras e vemos as posibilidades que temos as mulleres hoxe en día, observamos que nun curto espazo de tempo as cousas mudaron moito. Porén, aínda queda moito por facer. Ao noso redor seguimos vendo casos de mulleres que sofren todo tipo de discriminacións, moito máis en países que non nos son tan lonxanos.

Agardamos que nun futuro, que debe ser cada vez máis próximo, co esforzo de todas e todos, consigamos que as mulleres de todo o mundo teñan plenos dereitos e liberdades: acceso á educación, igualdade laboral e salarial, independencia económica, etc. pero, agardamos que, por riba de todo, as persoas sexan consideradas como tales, independentemente do seu sexo.