O grupo Chévere protagoniza o acto central do Día da Muller que se celebrará no Teatro Principal coa súa representación “As fillas bravas”.
As Fillas Bravas é un espectáculo para todos os públicos, pero xa temos comprobado que ofrece un aproveitamento lúdico e pedagóxico especialmente axeitado para dos segmentos de público moi interesantes á hora de crear e formar novos espectadores. As músicas usadas no espectáculo están inspiradas en cantos tradicionais recollidos en diferentes lugares de Galicia. Entre eles, “Pandeiretada” gravada no primeiro disco de Radio Cos e “Danza de Cerdeira”, gravada no primeiro disco de Leilía.
Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you).
Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.
As Fillas Bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.