Programa de actividades 8M-2025 O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti

Xoves 6 de marzo, ás 12.00 horas na Casa Consistorial. Lectura do Manifesto elaborado por alumnado do Consello da Muller Nova do IES Sánchez Cantón e, de seguido, despregamento da pancarta co lema da campaña na balconada do Concello.

Mércores 12 de marzo, ás 11.30 horas, no Teatro Principal. Acto de entrega dos VIII Premios Ernestina Otero Sestelo. Estes galardóns recoñecen e valoran aqueles proxectos educativos de ensino non universitario (Infantil, Primaria, Secundaria e postobrigatorias) innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva feminista que supoñan un exemplo de boas prácticas en materia de igualdade. Coa actuación de Trémola Teatro.

Venres 14 de marzo e sábado 15 de marzo, a partir das 12.00 horas, no Teatro Principal. VIII Encontro As mulleres que opinan son perigosas. Nesta oitava edición escoitaremos un total de quince profesionais de diferentes perfís para seguir amosando que este foro pontevedrés é o punto de encontro necesario para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión. Coas novas convidadas deste ano chegaremos a cen profesionais do xornalismo e da comunicación que estiveron en Pontevedra desde 2018 e forman parte da rede #MulleresQueOpinan, unha marca de referencia, compromiso e calidade no xornalismo de opinión. Entrada de balde, recoméndase inscrición, prazas limitadas ata completar aforo. Xornada presencial, retransmitida en directo vía streaming. O encontro conta con servizos de interpretación en lingua de signos. Ao remate do evento, abrirase o prazo para a terceira edición do Premio de Opinión “Mulleres que opinan”, que permanecerá aberto ata o 8 de abril.

Mércores 2 de abril, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, o teatro tamén ten cabida no programa municipal do Día Internacional da Muller, pois acolle a oportunidade de ver a derradeira función da obra Invisibles, de Redrum Teatro, adaptación do libro homónimo da xornalista Montse Fajardo, que relata historias reais de violencia machista. Con entrada libre ata completar aforo.

Faladoiros feministasO feminismo mellora o mundo. Ata que punto? Para coñecer a súa pegada en distintos ámbitos celebrarase unha nova edición dos Faladoiros Feministas, ao abeiro da programación municipal do 8M. Nesta ocasión abordarase a consecución do principio de igualdade no mundo do Deporte, a Política e a Cultura e o impulso e cambios que o feminismo conseguiu nestes eidos.  As charlas-debates desenvolveranse entre o 26 de marzo e a segunda semana de abril.

OUTRAS ACTIVIDADES

Leal ao principio de que o feminismo ten que traballarse todo o ano, a concellería de Igualdade ten programada un amplo abano de actividades, que van máis alá da estrita campaña do 8M e dirixidas á mocidade. Son as seguintes.

Obradoiros de Igualdade, educación sexual e prevención da violencia machista. Impartiranse ao alumnado de Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional a partir do mes de abril. Nesta edición haberá tamén obradoiros dirixidos ao profesorado e ás familias.

Contacontos Somos iguais, contos para a igualdade. Actividade dirixida a nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria. Actividade que se porá en marcha no mes de maio

Exposición “De Eva a Maruxa”. Proxecto artístico transversal, que pon o foco na igualdade e no que están traballando os Consellos Municipais da Muller Nova dos centros educativos de Secundaria, bacharelato e formación profesional de Pontevedra. A mostra inaugurarase no mes de xuño no Mercado e despois será itinerante.