Cerponzóns celebrará o Día das Mulleres Rurais cun pase do espectáculo “Lavandeiras”

O Centro Social de Cerponzóns acollerá o domingo 24 de outubro ás 19:00 horas un acto lúdico e conmemorativo organizado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais (que se celebrou o 15 de outubro). O público asistente poderá desfrutar de balde dun pase do espectáculo Lavandeiras, da artista Vero Rilo, nunha actuación coa que se pretende renderlles homenaxe ás mulleres do rural e visibilizar que sostiveron e sosteñen en gran parte a vida dos pobos coas súas mans, e ao mesmo tempo, achegar a cultura ás parroquias e darlle tamén un pulo ao regreso á normalidade dos centros sociais do rural que retomaron a súa actividade o pasado 1 de outubro. O acceso ao acto será libre e gratuíto para público adulto ata completar o aforo.

Lavandeiras é un espectáculo onde a narración oral se mestura coa música ao vivo e o teatro para dar lugar a unha proposta que lles devolva ás donas dos ríos o recoñecemento que poucas veces tiveron. Pasando de camiño polo folclore, o humor, as historias reais e o cancioneiro popular, Vero Rilo achéganos unha actuación chea de emoción acompañada por Carlos Quintá no eido musical. Esta actuación céntrase na consideración histórica e social das mulleres coa finalidade de poñer en valor a súa figura como fundamental sostén económico, non só na casa, senón tamén co traballo profesional non recoñecido que tantas xeracións de galegas fan e fixeron ao longo da nosa historia.