Para festexar que xa van oito edicións e cen opinadoras as que pasaron polo foro As Mulleres que Opinan Son Perigosas, organizouse entre Concello e Deputación de Pontevedra un programa especial de actividades para os días 24 e 25 de outubro. Todas con entrada libre ata completar aforo.


A primeira cita será o venres 24 ás 20.00 horas no Teatro Principal, co espectáculo pop feminista das xornalistas María Guerra e Mariola Cubells ‘Señoras y señoras’.
María Guerra e Mariola Cubells xa se coñecían previamente, pero foi en ‘Mulleres que Opinan’ onde naceu este show, que reflexiona sobre a xeración de mulleres nadas na década dos 60 con humor e referencias á cultura popular. Están de xira por España, pero a cita pontevedresa foi a primeira que fixaron.

O sábado 25 ás 12.00 horas a celebración será no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, coa presentación do libro e o documental Cen Mulleres que Opinan, que incluirán unha conversa coas xornalistas Olga Viza, Marta Garcia Aller, Susana Pedreira, Diana López Varela, María Varela e María Hermida.
O libro Cen mulleres que opinan. Un diario de opinións perigosas recolle fragmentos das intervencións destas cen mulleres que participaron no foro durante todas as súas edicións e inclúe outras 100 páxinas en branco para que as propias persoas lectoras as empreguen para plasmar as súas opinións.


A selección dos textos corresponde a Susana Pedreira e Diana López Varela e as ilustracións á pontevedresa Bea Gregores. En total, editáronse 1.500 exemplares que se repartirán entre o público asistente. Editar este libro é tamén, para López Varela, unha “resposta” a aquelas persoas que, antes de existir este foro, explicaban que as mulleres non eran convidadas a outros foros de xornalismo de opinión porque supostamente non había.“Aquí tedes 100, por suposto que hai mulleres que opinan e máis que seguirá habendo tamén gracias a foros e a espazos coma este”, insiste.
O documental do mesmo nome dá o protagonismo ao público asistente a este foro durante as súas oito edicións, a modo de homenaxe e recollendo as opinións das persoas que acuden “fielmente” cada ano a este foro. Tal e como explicou Pedreira, renden homenaxe ao público que asistiu edición tras edición, “escoitando as súas opinións e vendo as emocións e o ambiente que se crea durante eses días de mulleres opinando”.
No acto de presntación dos actos, que tivo lugar este luns 13 no Teatro Principal, Diana López Varela defendeu a importancia de “seguir reivindicando o xornalismo con perspectiva feminista”, pois “pasaron moitas cousas nestes nestes anos no panorama político, nacional, internacional e o feminismo segue aí, como contrapunto e loitando polos dereitos das mulleres”.

A concelleira de Igualdade de Pontevedra, Anabel Gulías, quixo acordarse das cen mulleres que opinan e tamén de todas as que fixeron posible este foro, empezando por Carmen Fouces e Carmela Silva, que en 2018 apoiaron a súa posta en marcha como concelleira en Pontevedra e presidenta da Deputación. “Sen elas, habería institucións que pasasen de puntillas por temas importantes”, destacou Gulías, que denuncia que “seguen facendo dende as institucións negacionismo do feminismo e da violencia machista”. Con esta publicación, todas estas mulleres que fixeron posible o foro “teñen o seu recordo e a súa lembranza imborrábel en cada unha de nós”, defendeu a concelleira.



