A programación da campaña polo Día Internacional contra as violencias machistas bota a andar a vindeira semana cos Faladoiros Feministas. Será o mércores 5 de novembro, cando Ana Marcos e Iria Pinheiro abran os encontros poñendo enriba da mesa a realidade do acoso e abusos sexuais no audiovisual e as artes escénicas. A cita terá lugar no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 horas.
A conversa estará moderada pola xornalista Laura Fresneda (Radio Pontevedra) .

Ana Marcos é redactora de Cultura en El País. Forma parte do equipo de investigación de abusos no cine, xunto con Elena Reina e Gregorio Belinchón, foi corresponsal en Colombia e participou na fundación de Verne. Vén de publicar o libro A MÍ NO ME HA PASADO NADA (Serie ENDEBATE), a partir da súa experiencia no equipo de investigación. Nel reflexiona sobre como ese traballo impulsou cambios culturais e institucionais e constata que o que ocorre no mundo do espectáculo é só un exemplo máis de como opera a cultura da violación no seu xeito de integrar e silenciar as violencias contra as mulleres.
Iria Pinheiro é actriz, cantante, presentadora e videocreadora galega, galardoada co Premio María Casares á mellor actriz protagonista e ao mellor texto orixinal en 2019 por Anatomía dunha serea. Anteriormente denunciou acoso sexual no ámbito laboral a un director televisivo e viviu un proceso xudicial que lle foi desfavorable. Agora analiza todo o proceso vivido en Vitória, unha peza de teatro autobiográfico estreada este ano, que sitúa no foco a deconstrucción da “violencia xudicial” padecida. “Quería reflexionar sobre como somos acompañadas nestes procesos. Aportar ideas e ser pedagóxica”, ten dito. Máis alá de casos mediáticos e das causas e consecuencias do #MeToo, Pinheiro fala en Vitória do esforzo persoal, e económico, que supón dar un paso como o que deu en marzo de 2018.
O programa continuará coas seguintes convocatorias:
2º Faladoiro, sobre violencias machistas e medios de comunicación, con Macarena Baena Garrido (Efeminismo). Mércores, 12 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz, ás 19.30 h.
3º Faladoiro, sobre a explotación sexual e trata, con Mabel Lozano. Inclúe a proxección de AVA, Premio Goya á mellor curta documental 2024, e presentación da novela do mesmo título. Luns, 17 de novembro no Teatro Principal, ás 19.30 h.
4º Faladoiro 4, sobre as violencias machistas nos medios de comunicación galegos, con Claudia Morán Mato (Xornalistas Galegas). Xoves, 20 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 horas.
O acceso a todos os faladoiros será libre e de balde ata completar aforo. Ademáis, gravaremos todos os Faladoiros para colgalos nas vindeiras semanas na canle de YouTube do Concello e nas redes sociais da Concellería de Igualdade.


