A terrible realidade da explotación sexual e a trata, exposta e analizada pola directora de cine social Mabel Lozano, centrará o terceiro Faladoiro Feminista, o foro de debate organizado ao abeiro da campaña municipal polo 25 de novembro, Día Internacional contra as violencias machistas, que promove a Concellería de Igualdade.
A cita é o vindeiro luns 17 de novembro, ás 19.30 horas, no Teatro Principal e incluirá, ademais dun relatorio-debate, a proxección da curta documental Ava (Goya 2024 á mellor curtametraxe documental), e a presentación da novela do mesmo nome, recén saída da imprenta e algunha sorpresa máis.
A relatora porá enriba da mesa, a modo de conversa coa xornalista Susana Pedreira, cuestións como os novos camiños da explotación sexual -como o fenómeno OnlyFans-, as redes de captación de mulleres e nenas, a pornografía como guía de las relaciones afectivo-sexuais, etc.

Mabel Lozano, escritora, actriz, presentadora e modelo ademáis de directora de cine, defínese sobre todo como unha activista en defensa dos dereitos das mulleres. Fundou a produtora Mafalda Entertainment, adicada a proxectos comprometidos coas mulleres e os dereitos humanos. Na súa obra destaca a denuncia da explotación sexual das mulleres a través da prostitución e a trata. En 2021 recibiu o Premio Goya a curtametraxe documental por Biografía del cadáver de una mujer que foi estreada en Pontevedra en setembro de 2020.

Ava é a historia dunha adolescente que un día, camiño do instituto, é captada por unha rede de explotación sexual, é unha historia de dignidade e resistencia que ispe un sistema que trata ás mulleres como mercadoría de usar e tirar.
Coa vida de Ava -nada en Colombia e adoptada por María, unha profesora española- Lozano constrúe a súa primeira novela, recoñecida co premio Letras do Mediterráneo 2025, na categoría de novela negra. A obra chegou ás librarías este mes de novembro e aproveitaremos o acto para que a autora a presente e asine.

O ciclo de Faladoiros Feministas da Concellería de Igualdade rematará coa xornalista Cláudia Morán que reflexionará sobre violencias machistas nos medios de comunicación galegos. Será o xoves, 20 de novembro, ás 19.30 horas no vestíbulo da Casa da Luz.



