Será a través do debate arredor de “Las trampas de la pornografía” que terá lugar o martes, 6 de outubro, a partir das sete da tarde no Centro Cultural da parroquia pontevedresa. No acto estará Priscila Retamozo, politóloga especializada en igualdade de xénero e autora, xunto a Amada Traba e Chis Oliveira, do libro escollido este mes polo club de lectura feminista
Desde o CIM de Pontevedra animamos a familias e docentes a participar neste este importante encontro anotándose a través da páxina web do Concello de Pontevedra: apuntate.pontevedra.gal
A pornografía e a súa influencia sobre a educación sexual da mocidade é o tema que centrará o encontro de outubro do club feminista “O sofá violeta” que puxo en marcha a principios de ano o CIM de Pontevedra. O libro “Las trampas de la pornografía” de Amada Traba, Chis Oliveira e Priscila Retamozo é a lectura escollida nesta ocasión e será Retamozo, politóloga especializada en igualdade de xénero, a que participará no encontro coas lectoras que terá lugar o martes 6 de outubro, a partir das sete da tarde, no centro cultural de Estribela.

Desde o CIM de Pontevedra animan a familias e profesorado a achegarse a Estribela, e por suposto á lectura do libro. As súas tres autoras dan gran importancia ao xeito en que tanto no fogar como nas aulas se fala de sexualidade. Desde o seu punto de vista non pode ser un tema tabú que leve á rapazada, ante o descoñecemento, a buscar información en vídeos pornográficos, de tan fácil acceso na rede. E o encontro dará a posibilidade de achegarnos ao coñecemento que durante anos de especialización adquiriu Retamozo sobre os perigos deste tipo de contidos.
Quen desexe asistir e non forme parte do club, pode anotarse no encontro a través da páxina web municipal: apuntate.pontevedra.gal. Son xa máis de medio cento as persoas que o fixeron ata o de agora e aproximadamente unha trintena acoden a cada unha das citas que, con carácter itinerante, celebra mes a mes o club de lectura. “O sofá violeta” pasou xa polo Centro Social de Gorgullón, as bibliotecas do CIFP A Xunqueira e o IES Sánchez Cantón, á Escola de Cons en Mourente, o local social de Bora e o Casa Parroquial de Marcón. Neste ano quedan pendentes a lectura e posterior debate do ensaio “As horas mortas” de Emma Pedreira, que estará no Centro Sur en novembro, e da Banda Deseñada “O corpo de Cristo” de Bea Lema, do que se falará nun encontro especial de fin de tempada a celebrar no propio CIM.



