Máis de 150 persoas chegáronse ao Punto Violeta das Festa da Peregrina, en busca de información para enfrontar as violencias machistas
Abundaron as consultas sobre o consentimento e a identificación de situacións de risco e, amais, o dispositivo foi un espazo seguro de escoita para vítimas de acoso e violencia
O Punto Violeta, coordinado pola Concellería de Igualdade e o CIM, estará de novo operativo o 5 de setembro, co gallo da Feira Franca
Un total de 151 persoas achegáronse ao Punto Violeta instalado na praza de Ourense co fin de informar e sensibilizar sobre as violencias machistas, durante as xornadas máis concorridas das Festas da Peregrina: 8, 9 e 15 de agosto (inicio e remate da semana grande). O dispositivo estivo coordinado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM)
A afluencia ao servizo foi en aumento: 43 persoas o día 8 de agosto, 49 o día 9, e alcanzando as 59 persoas na xornada do 15 de agosto. Do total de persoas usuarias, 86 foron homes e 65 foron mulleres, destacando a alta participación de homes novos interesados na prevención.
O perfil das persoas usuarias foi moi diverso, abranguendo desde menores de 12 anos que acompañaban ás súas familias ata persoas de máis de 70 anos. Con todo, a franxa de idade con maior presenza foi a comprendida entre os 20 e os 30 anos, que acudiron maioritariamente en grupos de amizades.
Dúas profesionais expertas en igualdade, unha delas psicóloga especializada en violencia de xénero, atenderon demandas de información sobre consentimento, bos tratos e identificación de situacións de risco. Tamén informaron, a demanda de algunhas usuarias, sobre materiais de prevención da submisión química como tapas para vasos.
O Punto Violeta foi un espazo seguro e de confianza no que se escoitaron historias de acoso e persecución como por exemplo: unha muller de 43 anos relatou unha recente situación de acoso, un seguimento nocturno que rexeitou denunciar; tres mozos, de 18 a 20 anos, contaron unha experiencia vivida de posible violencia sexual e unha muller de 30 anos explicou o achegamento dun home co pene fóra do pantalón (agresión exhibicionista) nunha discoteca.
Malia que o traballo realizouse sen incidencias técnicas ou organizativas, o persoal tivo que escoitar comentarios despectivos e sexistas de homes e mulleres que pasaban pola contorna

Feira Franca
O Concello de Pontevedra lembra que o Punto Lila volverá estar operativo na praza de Ourense o 5 de setembro, co gallo da celebración da Feira Franca. O horario de atención será de 22:00 a 06:00 horas. Este servizo de prevención e atención de casos de violencia machista conta cun reservado para garantir a confidencialidade da consulta ou denuncia que se faga.
Ademais de ser un un punto seguro e informativo -baixo a dirección do CIM e a Concellería de Igualdade-, tamén vai estar coordinado co operativo municipal de seguridade das festas, integrado pola Policía Local e Protección Civil para a atención directa nos casos de violencia sexual o de xénero que se poidan producir.


