Coordinado polo CIM e a Concellería de Igualdade, foi tamén un espazo seguro de escoita no que tres grupos de mozas e mozos verbalizaron tres episodios de abusos sexuais
Un total de 64 persoas achegáronse ao Punto Violeta instalado na praza de Ourense durante a Feira Franca co fin de informar e sensibilizar sobre as violencias machistas. Foron 33 mulleres (51,6%) e 31 homes (48,4%) e malia que abrangueron un amplo abano de idades -desde menores de 12 anos ata maiores de 60 anos- a franxa maioritaria estivo constituída por poboación nova e moza de entre 18 e 30 anos.


As máis das intervencións consistiron en tarefas de información, sensibilización e entrega de materiais preventivos. Distribuíronse preservativos (especialmente demandados pola mocidade) e produtos de hixiene menstrual. O punto tamén realizou unha importante labor de observación activa e achegamento preventivo no contorno. Como exemplo, as profesionais interviñeron para ofrecer de forma discreta o recurso de apoio a unha muller duns 40 anos tras detectarse unha discusión coa súa parella.
O Punto Violeta foi tamén un espazo seguro e de confianza no que se escoitaron tres relatos espontáneos de agresións ou abusos sexuais: un grupo de menores de 18 anos relatou un episodio de abuso sexual; uns mozos arredor de 20 anos expuxeron unha situación de abuso vinculada a unha posible submisión química e outro grupo compartiu un relato de abuso, verbalizando especificamente a ausencia de consentimento ao sinalar que a persoa afectada “en realidade non quería”.
As profesionais ao fronte do servizo -unha delas psicóloga especialista en violencia de xénero- abordaron todas estas situacións desde a escoita e a orientación personalizada, sempre respectando os tempos e decisións dos/das relatoras. Non houbo activación de recursos externos nin a presentación de denuncias durante a quenda.

O Punto Violeta – baixo a dirección do Centro de Información á Muller e a Concellería de Igualdade- revélase como un dispositivo esencial nos espazos de lecer nocturno, como unha ferramenta de información e protección. Ao situarse de xeito accesible e visible na rúa, facilítase que moitas persoas se atrevan a verbalizar experiencias de violencia ou incomodidade nun contexto de proximidade e absoluta confianza.


