O encontro, que terá lugar no Centro Sur o martes 3 de novembro ás 19.00 horas, estará precedido por un roteiro polo cemiterio de San Amaro, guiado polo técnico municipal Francisco Abuín
Continúa a andaina do club de lectura feminista “O sofá violeta” que puxo en marcha a principios deste ano o CIM de Pontevedra. Desta volta, e coincidindo coa ponte de Defuntos, a convidada será a escritora Emma Pedreira que no seu libro “As horas mortas” fixo un percorrido polos cemiterios galegos e, nesa andaina, foi rescatando a memoria de moitas galegas que nos precederon.
Este novo encontro terá ademais unha sorpresa engadida pois dará ás persoas inscritas no club de lectura a posibilidade de facer un roteiro guiado polo cemiterio de San Amaro da man do técnico pontevedrés Francisco Abuín. Será a partir das cinco e media da tarde e terá unha duración aproximada de 50 minutos. Logo, as lectoras trasladaranse ata o Centro Sur onde, a partir das 19.00 horas, terá lugar o encontro con Pedreira. Quen desexe asistir a esta actividade e non forme parte do club, pode anotarse no encontro a través da páxina web municipal: apuntate.pontevedra.gal. As persoas xa inscritas (máis de 60) só terán que confirmar a través do mail de contacto do club o seu desexo de participar tamén no roteiro.
“As horas mortas” de Emma Pedreira é a escusa perfecta para achegarse, de xeito ameno e rigoroso, á historia de moitas mulleres galegas con perfís tan coñecidos como o de Concepción Arenal pero tamén totalmente anónimas. Desde unha perspectiva absolutamente feminista o libro analiza a diferenza de clases, os ritos aparellados a cada relixión ou a variación dos costumes co paso do tempo e faino a través de textos de fácil lectura e repletos de anécdotas que converten “As horas mortas” nunha proposta moi acaída para o club feminista, con lectoras de todas as idades e distintos hábitos lectores. O encontro coa autora servirá para profundar máis nalgunhas das biografías que nomea pero tamén para debater sobre a cuestión de clase ou sobre a diferenza que ao longo da historia se deu entre homes e mulleres ata na mesma morte.


Emma Pedreira será a última autora que visitará “O sofá violeta” este ano mais haberá unha última cita, en decembro, arredor da Banda Deseñada “O corpo de Cristo” de Bea Lema, que terá lugar no CIM o 1 de decembro, pero ao que non poderá asistir a autora.


